Nace Wuaki.tv, un servizo de videoclub en liña con prezos anti-crise

martes, 19 de xullo do 2011 Raquel Noya

Aqueles que hai uns anos auguraron a desaparición dos videoclubs por ofrecer un servizo que en pouco tempo quedaría obsoleto ante a chegada das novas tecnoloxías, non tiveron en conta que este servizo só tería que adaptarse ás novas demandas dos seus clientes para seguir funcionando, e tal e como fixeron outros negocios, cambiaron a súa sede física por unha sede virtual capaz de entrar nos fogares dos demandantes sen chamar.
É o caso de Wuaki.tv, un servizo de videoclub en liña que se acaba de presentar en España, deseñado para cambiar os hábitos do público español, que fará que os internautas deixemos de descargar películas e pasemos a pagar por elas un prezo razoable ao alcance de calquera peto.
O director de Wuaki.tv, Jacinto Roca, era inversor de capital risco nos Estados Unidos, onde coñeceu Netflix, un servizo de consumo de vídeo en liña por subscrición que, ao igual que a súa plataforma, destaca “pola facilidade de uso, comodidade e oferta de contidos”, asegura.
Este servizo, nacido hai dúas semanas, é froito de máis de dous anos de negociación coas majors e distribuidoras locais de todo o mundo, e conta cun catálogo inicial de máis de 1000 películas e series, das cales, o 30 por cento son de produción española.
Os prezos das pezas oscilan entre os 3 e os 5 euros para as estreas e ata de balde no caso dalgúns clásicos, que de optar polo aluguer, o usuario ten dereito a ver o contido tantas veces como desexe durante 48 horas.
No tocante aos prezos de compra, as cifras que se barallan son similares ás dos DVD de estrea: do redor de 20 euros, unha cantidade pouco atractiva para o cliente final se temos en conta que tan só se está a pagar por unha descarga no ordenador ou (proximamente tamén) nas tablets Android e iPads.
Algúns dos filmes que xa se poden ver de balde, por cortesía de BBVA, son Cuatro vidas, El viento se llevó lo que, Batalla en Seattle, El último testigo ou a máis recente, Historias de Manhattan, unha comedia romántica baseada en dous relatos da escritora norteamericana Melissa Bank.
A Wuaki.tv pódese acceder xa a través dun ordenador con conexión a Internet ou mesmo dende os últimos televisores das firmas Samsung e LG, así como dende Smarty, unha caixa deste último fabricante que permite navegar por Internet dende as teles máis antigas.
No seu equipo, esta firma de 20 empregados chamada a cambiar o panorama audiovisual actual, conta con dous grandes da industria audiovisual española: José Montelón, antigo responsable da unidade de negocio dixital de Filmax, como director de contidos, e Gorka Angulo, de Sony Pictures, que será o director de marketing da empresa.

PUBLICIDADE