Nace GC Tendencias, nova páxina web para informar da cultura galega da que non se informa

martes, 24 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

Entre os medios dixitais galegos que están a facer fronte común esta semana arredor dunha celebración que nos afecta a todas e todos, o Día da Patria Galega, sitúase Galicia Confidencial que celebra a festividade do 25 de xullo coa nova páxina webGC Tendencias, “un paso máis na construción dunha alternativa mediática en galego, de calidade e cen por cen independente”. O lema da nova proposta web fala por si só: GC Tendencias racha cos tópicos da cultura galega. A web, que xa está en marcha desde hoxe, véspera do Día do Patria, envorcará os seus esforzos en tomarlle o pulso, tentando non deixar nada sen rexistrar, aos eidos da creación e da actualidade cultural. A idea é dicir as cousas claras e fuxir lonxe do común da información sobre a nosa creatividade.
A nova páxina web, informa o equipo de Galicia Confidencial, terá máis capacidade de visión có común das webs sobre as ditas materias. Así, no seu seo terán acubillo expresións artísticas afianzadas como a literatura e a música pero tamén outras que nunca gozaron da atención dos grandes medios, como o cinema porno ou a fotografía erótica, por poñer uns exemplos. O web, engádese, incluirá tamén seccións máis habituais, como unha axenda cultural e un espazo propio para algunhas das exposicións máis importantes que se poden visitar nestes días. “Un dos obxectivos é lograr artellar un punto de referencia na web para os creadores máis novos de Galicia”, explican. O proxecto está coordinado por Paco Gallego, que dende hai meses informa en GC sobre os creadores máis novos e orixinais do país. Ademais de Gallego, en GC Tendencias colabora todo o equipo que de cote mantén actualizado o medio dixital GC. A proposta Tendencias xa ten presenza de seu nas redes sociais, “un paso máis no esforzo de GC por construír un medio en galego e independente de calquera mecenas empresarial, político ou sindical”.

PUBLICIDADE