Nace Coavita.com, a primeira rede social para doentes con patoloxías graves crónicas

venres, 17 de febreiro do 2012 Raquel Noya

Cando unha persoa, por desgraza, se ve na situación de ter que lidar cunha enfermidade grave que non lle permite facer vida normal ou que a obriga a illarse fisicamente dos seus amigos e coñecidos, soe sentirse máis necesitada de cariño e atención que nunca, e a máis disto, soe acudir á Rede á procura de información sobre a súa doenza, que non sempre chega de fontes lexítimas.
Para atallar estes dous problemas, vén de ver a luz en Barcelona unha rede social independente, dirixida a todas aquelas persoas que conviven con enfermidades crónicas graves e que buscan un espazo común no que compartir experiencias e afinidades con outros doentes.
Chámase Coavita.com e nace para ser un punto de encontro virtual no que compartir con outros usuarios inquedanzas, opinións, noticias ou puntos de vista persoais sobre unha doenza, que ademais de desafogar ao que as propón, poidan servir de axuda a outras persoas que están na mesma situación.
Para isto, amais dos recursos cos que conta unha rede social tradicional como poden ser os servizos de chat, mail, grupos ou eventos, Coavita dispón dun eficaz buscador de seu que permite poñer en contacto a usuarios con perfís e intereses afíns.
A iniciativa nace co compromiso de axudar ás persoas que padecen ou conviven con algunha enfermidade grave, e é de balde para usuarios, empresas e institucións de calquera índole.

PUBLICIDADE