Na maioría dos fogares españois xa se aposta polo uso do software libre

xoves, 8 de marzo do 2012 Raquel Noya

Nivel de satisfacción do software libre segundo o informe de CENATIC

O Observatorio Nacional do Software de Fontes Abertas dependente de CENATIC, vén de facer públicos os datos extraídos da última enquisa levada a cabo para coñecer o uso que lle damos ao software libre nos fogares españois, e a conclusión máis importante á que se chegou é que entre os nosos hábitos de consumo TIC xa está instalado o de usar o software libre, logo de comprobar que un 84% de internautas usa este tipo de fontes, cun nivel de satisfacción moi elevado.
Os resultados do estudo reflicten que no 68% dos casos, os españois que usan software libre coñeceron esta tecnoloxía en Internet, dende onde poden descargar as aplicacións de balde e de xeito legal.
Esta Enquisa sobre o Uso do Software Libre nos Fogares Españois 2011 permitiu saber, asemade, o nivel de coñecemento, uso e valoración que teñen as tecnoloxías libres entre a comunidade internauta española, e establecer así o seu nivel de penetración en todo o Estado.
Neste senso, cabe destacar que a maioría dos internautas en España utiliza software libre de xeito habitual nos seus ordenadores, cun nivel de satisfacción próximo ao 80%, se ben só un 20% restante declara usalo “de xeito inconsciente”.
As razóns que achegan estes usuarios para usar software libre é o menor prezo ou a gratuidade dos programas, en comparación coas alternativas privativas que hai no mercado.
Asemade, destacan o feito de que haxa multitude de programas libre e de balde que satisfagan as súas necesidades como usuarios, así como a sinxeleza, calidade, funcionalidade e facilidade de uso de case todas as aplicacións.
Como exemplos de produtos que usan máis a cotío e que máis os convence, estes usuarios non expertos sinalaron o navegador web Mozilla Firefox, a solución ofimática OpenOffice, a solución de correo electrónico Mozila Thunderbird, ou o reprodutor VLC Media Player, entre outros.
Agora, segundo informan dende CENATIC, os retos que afronta o software libre neste nicho de mercado son “superar os problemas que levaron a un 16% de internautas a desinstalar dos seus ordenadores algúns dos programas de software libre que tiñan instalados”, e que segundo afirman, foron principalmente “a dificultade para solucionar problemas e a incompatibilidade con outros programas”.
Malia todo, a enquisa indica que mesmo quen decidiu deixar de utilizar software libre ségueo aprobando cun 6,5 de nota sobre 10.

PUBLICIDADE