Na Rede un traballo que documenta as estratexias de comunicación cifrada dos trobadores galego-portugueses

luns, 15 de xaneiro do 2024 S. P.

O investigador Xabier Ron

O Grupo de Investigación de Románicas da Universidade de Santiago (USC) comezo o ano con importantes novidades relativas ao seu estudo da Idade Media. O doutor en Filoloxía Románica Xabier Ron Fernández vén de publicar na Rede un traballo centrado na influencia da oralidade nos relatos amorosos dos trobadores galego-portugueses. Esta monografía (editada en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, dependente da dita Secretaría Xerla) representa a culminación de tres décadas de investigación do autor.
A cantiga como don
O investigador remarca o feito de “que na Idade Media todo era oral”, o que “repercutía na maneira de compoñer, de contar a historia e de divulgar as cancións por parte dos trobadores”, explica o investigador, engadindo que “os trobadores tiñan que realizar unha especie de peregrinación (coñecida como itinerarium ad Dominam) a través da cal debían amosar os seus valores corteses para seren dignos de recibir a aceptación da dona. Por iso, facer unha cantiga era entregarlle un don á señor, un don que se divulgaba de xeito oral, con acompañamento da música”.
Esta relación producíase entre partes desiguais da cadea social. Por este motivo, tal como sinala o experto, entre a señora e o servidor había un pacto ou xuramento de fidelidade con deberes e dereitos para ambos, unha cláusula de silencio que impregna as cantigas. “Ante a imposibilidade do trobador de declararlle o seu amor en público, esta relación tiña que ser confidencial, polo que nas súas cancións debe calar moitas cousas, encubrir, disimular, protexer á súa amada mediante unha serie de xogos poéticos. Ademais, establecíanse entre eles uns códigos descoñecidos para o resto como olladas, acenos, xestos… porque esta declaración de amor ocorre en público, ante un auditorio, que, por motivos sociais, non pode decatarse de quen é a verdadeira destinataria”, explica o investigador Xabier Ron.
Segundo engade, até o de agora non existían traballos centrados neste aspecto. Xabier Ron analizou un total de 1197 cantigas de amor da lírica galego-portuguesa, das que finalmente seleccionou 471 textos de 101 trobadores diferentes para incorporar a este traballo. Afonda nas prácticas comunicativas empregadas para salvar o itinerarium ad Dominam, é dicir, para lograr a aceptación da dona de xeito confidencial e non poñer en perigo o segredo de amor. Indica tamén que “algunha destas prácticas adquire unha forma moi interesante, como a decisión da señor de consentir ou non que o servidor dea un paso adiante co seu trobar e permitirlle non só chamala ‘senhor’, senón tolerar que el lle diga que ‘quere ben’ dela. Este consentimento convértese nun don moi prezado que recompensa o servizo de amor pero aparece oculto mediante o emprego de estratexias de comunicación cifrada nunha gran cantidade de cantigas de amor e mesmo de amigo”.
O autor apoiouse na historia e na antropoloxía para contrastar a información literaria que achegan as cantigas. Conseguiu demostrar así que a realidade histórica da época -en particular o tipo de feudalismo e a estrutrura da sociedade que había en Galicia e no norte de Portugal- influíu moito nestas composicións poéticas. No seu estudo inclúe táboas recompilatorias e esquemas que facilitan o seguimento dos diferentes argumentos. Figuran todos os autores estudados, as cantigas acompañadas dunha síntese dos motivos amorosos e un repertorio cos fragmentos máis significativos dos 471 textos analizados.
O traballo está accesíbel na libraría institucional en liña da Xunta de Galicia e na páxina web do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

PUBLICIDADE