Na Rede un punto de venda de libros electrónicos a prezos reducidos: librosinlibro.es

venres, 7 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

Máis que de poñelo todo máis barato ou máis caro, o que probablemente preste máis sexa poñer prezos para tódolos petos. Isto sería aplicábel a tódalas cousas susceptíbeis de seren mercadas, mesmo aos libros electrónicos. Até o de agora, estes novos formatos só estaban ao alcance dunha parte da cidadanía potencialmente lectora, e cumpría, como noutros eidos, habilitar liñas de distribución para economías menos potentes. Disto e de outras cousas semella tratar librosinlibro.es, un punto dixital de achega de obras en liña de acceso doado e sen os atrancos de libro uso que soen introducir os altos estamentos da industria, os DRM.
Segundo nos conta Xornal.com os prezos estarían até un 40% máis baixos ca en papel, cousa que, estamos seguros, comezará a interesar a moitos dos que até o de agora non lle vían vantaxes a esta cousa do libro electrónico.
A proposta vén da man de Jesús Egido, editor de Rey Lear e Reino de Cordelia, acompañado para este novo lanzamento de Eduardo Riestra, de Ediciones del Viento e de José Ángel Zapatero, de Menoscuarto. O proxecto, en realidade, non é novo, cómpre remontarse a dous anos atrás, nun intre en que non se sabía moi ben se o libro dixital ía ter futuro ou non. A xuízo dos responsábeis de librosinlibro.es, a clave do éxito é ben probábel que pase por reducir prezos, co fin de que a xente vexa compensada con credes a falta de soporte físico, até o de agora o principal argumento dos formatos tradicionais. Polo de agora teñen setenta libros no seu catálogo, pero agardan chegar aos 200 antes de que remate o ano. O seu modo de actuar, no que se refire ao reparto dos beneficios, é facer o menos posíbel de intermediarios ao uso. De feito, esperan que os autores podan recibir un 40% dos beneficios.

PUBLICIDADE