Na Rede o proxecto solidario Auga en Etiopía

martes, 27 de maio do 2008 Raquel Noya

Se ben é certo que en Galicia (a estas alturas da primavera) estamos fartos de tanta auga e pedimos unha raiola de sol como quen pide flocos de millo á entrada do cinema, en moitos países do mundo (e incluso noutros recantos do Estado español) a auga é un ben escaso tan valioso coma o ouro da mellor das coroas reais e non chega para abastecer á maior parte da poboación, dando lugar a mortes por deshidratación e doenzas variadas. Un destes países no que a auga brilla pola súa ausencia é Etiopía. Alí está a traballar dende 2003 a asociación galega sen arela de lucro Implicadas no desenvolvemento, que agora traslada as súas actividades a Santiago de Compostela e (tamén) á propia Rede para concienciar á cidadanía deste problema que nos afecta a todos.
Ao longo destes últimos días de maio e durante os primeiros de xuño, a capital galega, vai acoller unha serie de accións (incluíndose no paquete de actividades a presentación da web da iniciativa) que integran o proxecto Auga en Etiopía unha proposta social en boa medida sustentada no poder de convocatoria da Internet que pretende levar a cabo proxectos de cooperación no devandito país e mellorar as condicións de vida dos seus habitantes.
O obxectivo deste proxecto, que se pode ver máis detidamente na súa web oficial, é convidar á reflexión sobre o problema da auga no mundo en xeral, e sobre como afecta á poboación de Etiopía en particular, algo no que leva traballando esta asociación galega sen ánimo de lucro dende hai anos.
Exposicións, relatorios, peregrinacións simbólicas ou cursos de formación sobre a cooperación ao desenvolvemento en Etiopía son só algunhas das actividades que terán lugar en Compostela ao longo dos vindeiros días e que servirán para concienciar á cidadanía da importancia de colaborar para acadar un mundo mellor, ou a lo menos, máis agradable para tódolos habitantes.

PUBLICIDADE