NCG Banco innova co uso da mensaxería instantánea dende o móbil

venres, 11 de xaneiro do 2013 Redacción

NCG Banco asegura ser a primeira entidade financeira española que notifica instantaneamente aos seus clientes a través dos seus teléfonos móbiles calquera operación realizada na súa conta a través de notificacións instantáneas, un sistema de mensaxería de balde, seguindo a tendencia que marcan servizos móbiles como WhatsApp, LINE e Facebook Messenger.
NCG banco, a través das súas marcas Novagalicia e EVO, lanzou o 8 de xaneiro de 2013 as novas versións das súas aplicacións de banca móbil para smartphone incorporando nelas a tecnoloxía push, un sistema de mensaxería instantánea que nunha primeira fase empregarase para simplificar o acceso seguro á banca electrónica a través do móbil.
Ao longo do ano 2013 esta tecnoloxía irase aplicando a outros usos como, por exemplo, a substitución das mensaxes SMS de aviso de movementos en tarxeta ou operacións en caixeiro por estas novas notificacións instantáneas, máis áxiles e cómodas para o cliente.
Máis de 570.000 clientes de NCG utilizan o seu móbil para realizar xestións financeiras coa entidade. Neste momento Novagalicia e EVO superan os 1,5 millóns de operacións ao mes por teléfono móbil, que se cuadriplicaron nos últimos doce meses. Un 98% dos clientes de NCG Banco subscritos á banca por telefonía móbil dispón dun smartphone, unha media superior á española (o 63%).
A evolución dos servizos bancarios por móbiles enmárcase no cambio no modo de operar que protagonizaron os clientes da entidade a partir da fusión tecnolóxica e a unificación da banca electrónica.

PUBLICIDADE