NACCE deu acubillo á participación directa de máis de 460 novos empresarios

martes, 9 de abril do 2013 Redacción

Participantes na última cita de NACCE, celebrada hai uns días en Santiago, na EGAP

O recente remate do Proxecto NACCE, Núcleo de Apoio á Concorrencia e a Creación de Empresas TIC, sérvenos entre outras cousa para facer un percorrido polas cousas que se acadaron ao seu abeiro e, tamén, polo que aínda está por desenvolverse a través das moitas liñas de colaboración que ficaron abertas grazas á iniciativa, coma estradas das que só tivemos oportunidade de percorrer unha pequena parte e agora ramifícanse e esténdense cara a novos mercados e perspectivas. NACCE, como lembraremos, foi unha proposta para innovar e impulsar o sector tecnolóxico-dixital na contorna Galicia-Norte de Portugal baixo unha arela internacional. O eixe fundamental da iniciativa foi a cooperación entre empresas, entidades do sector e do emprendemento e profesionais, estudantes e profesores, entre outros, de ámbalas beiras da raia. Dito máis claramente: NACCE constituíse como unha plataforma de cooperación para a creación de empresas TIC.
Presentouse como unha rede composta por socios e colaboradores que potenciou a formación e asesoramento de pequenas e medianas empresas galegas e lusas co obxectivo de ampliar a cifra de negocios e impulsar o seu medre. O obxectivo foi o de estimular a aparición de novas iniciativas empresariais, aumentar a concorrencia das empresas xa existentes e, como consecuencia directa, dinamizar o emprego.
Cifras e froitos
Xa metidos máis en materia, ou sexa, en datos concretos que acheguen luz sobre o acadado, dicir que na última xornada de NACCE déusenos a coñecer (da man do subdirector da Escola Superior de Enxeñaría Informática, Francisco Javier Rodríguez Martínez) que as diferentes actividades desenvolvidas ao abeiro de NACCE dende o seu comezo, serviron para dar acubillo á participación directa de 463 emprendedores. Asemade, logrouse a concorrencia de 340 persoas na actividade formativa da plataforma de e-learning de NACCE e un total de 286 asistentes ás diversas xornadas e foros celebrados ao longo deste tempo (foi presentado oficialmente ante os medios de comunicación en outubro de 2011, aínda que a actividade xa vén de máis atrás). Polo que respecta aos mentores galego-portugueses que acompañaron a andaina desta iniciativa, achegando a súa experiencia e os seus coñecementos en materia de posta en marcha e desenvolvemento de proxectos empresariais TIC, dicir que foron un total de 56.O seu labor, como dixemos, foi o de fornecer asesoramento personalizado aos emprendedores. Asemade, celebráronse catro Foros NACCE: o Foro de Internacionalización do 13 de setembro de 2012, en Vigo; o I Foro de Innovación do día 18 do mesmo mes, desta volta en Ourense, o Foro de Colaboración da xornada do 20, en Pontevedra; e o segundo Foro de Innovación, o día 27 do mesmo mes, esta vez con emprazamento en Guimarães (Portugal). Os foros estruturáronse en dúas partes: por unha banda unha xornada de mañá na que se convidaba a expertos e mozos emprendedores a que compartiran as súas propias experiencias, e por outra banda unha xeira de tarde, na que os emprendedores que así o desexaban podían recibir sesións de asesoramento e formación personalizados por parte de membros do Núcleo NACCE.
A maiores do devandito, o desenvolvemento de NACCE veu acompañado de tres xornadas de presentación de resultados, cada unha delas unha ollada a un ámbito concreto do pasado recente da iniciativa e, tamén, un convite á adhesión de novos proxectos empresariais e novos achados competitivos e de mercado. Vigo acolleu a primeira destas citas (a Xornada de Presentación de Proxectos de Internacionalización, o día 29 de novembro de 2012), Braga deu acubillo á segunda (a Xornada de Presentación de Proxectos de Colaboración, o día 11 de decembro de 2012) e Ourense serviu de escenario á terceira (a Xornada de Presentación de Proxectos de Creación de Empresas e Novas Liñas de Negocio, o día 24 de xaneiro deste mesmo ano).
Segundo nos fixo saber Francisco Javier Rodríguez, neste tipo de xornadas, amais de convidar a novos expertos no eido tecnolóxico-dixital, tamén se deu a oportunidade a novos empresarios de NACCE para presentar perante o público presente as súas iniciativas. Do mesmo xeito ca nos foros, tirouse proveito da xornada de tarde para realizar novas sesións de mentoring do Núcleo con emprendedores. Nestas sesións concretas, por certo, concorreron case media centena de persoas, ao longo das diferentes xornadas e foros.
Como dixemos na páxina anterior, a xornada final do proxecto celebrouse o pasado 14 de marzo de 2013 en Santiago de Compostela. Polo que respecta aos proxectos de negocio-resultados, sinalar que para quen queira ampliar información e extraer detalles máis concretos do amosado nestes eventos, está habilitada na Rede, na web Televisión da Universidade de Vigo, unha longa listaxe de vídeos das presentacións da xornada do 24 de xaneiro celebrada en Ourense. Poderemos ver interesantes pezas con explicacións de iniciativas de clara proxección empresarial como Wiimbo, Anubía, Desoños, Saborplace, Entremetidos, Vouaxenda ou 104 Cubes.
A quen se encamiñou NACCE?
NACCE dirixiuse a persoas interesadas en crear unha empresa de base tecnolóxica ou que a tivesen creado recentemente en Galicia ou no Norte de Portugal. As firmas empresariais puideron ser de tecnoloxías aplicadas á saúde, educación, comercio, banca, Internet, aplicacións móbiles, realidade virtual ou contidos dixitais. A iniciativa tamén se dirixiu a firmas interesadas en desenvolver proxectos en colaboración e novas liñas de negocio, ou que desexasen internacionalizarse. Empresariado e emprendedores TIC de éxito, profesionais, consultores e expertos en todas as áreas empresariais, desde a internacionalización ata a promoción, pasando pola fiscalidade, e membros de institucións tanto públicas como privadas que ofrecen apoio, asesoramento, orientación personalizada e ferramentas necesarias ás empresas e emprendedores do sector... todos eles constituíron o miolo de NACCE. Este núcleo operou de xeito virtual nunha plataforma web 2.0 e de xeito presencial nos foros que se organizaron e máis nas xornadas e mesas de traballo.
Foros e xornadas
Foros e xornadas presenciais incorporaron ao proxecto NACCE a experiencia de distintos emprendedores para guiar e orientar ás novas firmas e consolidar as xa constituídas. Na cidade de Pontevedra, por exemplo, celebrouse o Foro sobre Colaboración de PEME Transfronteirizas o pasado día 20 de setembro. Tamén tivo lugar en Braga, recentemente, a Xornada de Presentación de Resultados Proxectos de Colaboración, o día 11 de novembro. Pola súa parte, a Cámara de Comercio de Vigo acolleu o pasado día 13 de setembro un foro sobre internacionalización. Neste foro, como lembraremos, participaron 75 empresas e emprendedores do sector tecnolóxico-dixital galego-portugués, que puideron manter entrevistas individualizadas con profesionais expertos deste eido produtivo ligado ao coñecemento (os integrantes do Núcleo NACCE). O evento contou, entre outros, coa presenza de reputados profesionais como José Ramón Pais (vicepresidente da Fundación Innovapyme Galicia), Elías Pérez (cofundador de Quobis) ou José Manuel García, actual responsábel de Binaurality. Este foro constituíse como unha oportunidade de primeira orde para as empresas TIC da Eurorrexión interesadas en coñecer os vieiros de internacionalización da súa iniciativa de mercado. Asemade, o día 18 de setembro celebrouse na Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense (Universidade de Vigo) unha xeira de traballo sobre innovación, en concreto sobre marketing dixital, start-ups e emprendedores. Nesta última participaron, entre outros, Fran Muíños (CEO de UNE de Comunicación), Lolo Rey (Loroestudio), Camilo Ameijeiras (Primate), Ignacio de Francisco (Compring.com), Eva López (Womenemprende da USC), Luisa Pena (directora da Tecnópole), Roi Correa (Menus.es) e Carlos Corsino (Stratia). O encontro foi inaugurado por Francisco Javier Rodríguez, subdirector da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense; José Manuel García, xerente da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Vigo; Eduardo Pinto, director executivo do CCG; José María López Bourio, presidente de AGESTIC, e María Amparo González Méndez, directora xeral da Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Xunta de Galicia.
Sobre os apoios e impulsores
O Proxecto NACCE inscríbiuse dentro da segunda convocatoria do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013, e participaron a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, AGESTIC (Asociación Galega de Empresas TIC), Cámara de Comercio de Vigo, Universidade de Vigo, AIMinho (Associaçao Empresarial) e o CCG/ZGDV (Associaçao Centro de Computaçâo Gráfica). O obxectivo primeiro foi crear un gran estímulo para o sector TIC de Galicia e do norte de Portugal favorecendo a creación de emprego e de empresas tecnolóxicas.
NACCE foi un programa de mentorización sobre mellora da competitividade, internacionalización ou apertura de novas liñas de negocio en empresas TIC, e tamén sobre como crear unha empresa TIC, como levar unha idea de negocio tecnolóxica ou de internet á realidade. Todo iso de forma on-line e gratis, e apoiado por profesionais de prestixio que conforman o Núcleo de Apoio á Competitividade e Creación de Empresas, “polo que é unha oportunidade única para formarse, asesorarse, facer contactos de primeiro nivel ou montar unha empresa da man da experiencia do día a día”, sinalaron os impulsores da iniciativa.
Presentación en novembro de 2011 en Ourense
NACCE presentouse ante os medios a finais de 2011 en Ourense. Aí fíxose saber que se trataba dunha iniciativa para paliar as feblezas do sector TIC na Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal, tanto en cantidade de empresas, como en competitividade, e en internacionalización. A encargada de lanzar esta mensaxe foi a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, que subliñou que a posta en marcha deste proxecto, que lidera o departamento autonómico, permitiría, entre outros fins: a formación e asesoramento das nosas PEME tecnolóxico-dixitais no desenvolvemento de proxectos comúns; a formación de arredor de emprendedores e de 50 empresas na posta en marcha de novas liñas de negocio; e a celebración de 20 mesas de traballo sobre a creación de empresas TIC.

PUBLICIDADE