NACCE amosa en Santiago os froitos da súa aposta polo tecido TIC galego-portugués

xoves, 14 de marzo do 2013 Fernando Sarasketa

Fachada da Escola Galega de Administración Pública en Santiago

O Proxecto NACCE, a iniciativa transfronteiriza para xerar competitividade e colaboración no tecido TIC das dúas beiras da raia galego-portuguesa, celebra hoxe o seu punto e final cunha xornada de traballo que servirá entre outras cousas para amosar os resultados obtidos. A cita é na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), no barrio de Fontiñas en Santiago de Compostela. Esta última xeira visíbel de traballo (que non significará realmente o remate de NACCE, xa que as liñas de traballo seguirán vivas e tampouco se poden descartar novas edicións do programa), contará coa presenza dos mentores-expertos adheridos ao proxecto acompañados dos profesionais e emprendedores aos que achegaron a súa experiencia, dando conta todos eles dos froitos recollidos.
As actividades darán comezo ás 9.15 horas, co rexistro de asistentes. Logo, ás 9.45 horas, virá a apertura institucional, a cargo do director xeral de Traballo, Odilo Martiñá, a secretaria xeral de AGESTIC, Sonia Rábade, o xerente da Cámara de Comercio de Vigo, José Manuel García Orois, e o director executivo do Centro de Computaçâo Gráfica, Eduardo Pinto. Tamén haberá representantes da Universidade de Vigo (o subdirector da Escola Superior de Enxeñaría Informática, Francisco Javier Rodríguez Martínez) e AIMinho (Ana Campos). A continuación, ás 10.30 horas, virá a mesa primeira de emprendedores de NACCE, na que interveñen algúns dos profesionais que recibiron achegas tecnolóxicas e formativas da man do proxecto. Máis polo miúdo, Rebeca Babarro (Vouaxenda), David Sequeiros (Wiimbo) e Luis García Landín e Patricia García (104 Cubes). Ás 11.50 celébrase unha nova mesa, desta volta dando acubillo aos expertos en emprendemento e busca de novos mercados. Son Alfonso Pérez Pereira, de Espafil e máis Andrés Mazaira, de Bridge Mediatech. A clausura está prevista para as 13.15 (con Beatriz Mato, conselleira de Traballo) e a mesa número tres para as 13.45, coa intervención de emprendedores como Wilfredo Santana, de Anubia.
O Proxecto NACCE inscríbese dentro da segunda convocatoria do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013, e participan a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, AGESTIC (Asociación Galega de Empresas TIC), Cámara de Comercio de Vigo, Universidade de Vigo, AIMinho (Associaçao Empresarial) e o CCG/ZGDV (Associaçao Centro de Computaçâo Gráfica). Diríxese a estimular o sector TIC de Galicia e do norte de Portugal, favorecendo a creación de emprego e de empresas tecnolóxicas.
NACCE é un programa de mentorización sobre mellora da competitividade, internacionalización ou apertura de novas liñas de negocio en empresas TIC, e tamén sobre como crear unha empresa TIC, como levar unha idea de negocio tecnolóxica ou de internet á realidade. Todo iso de forma on-line e gratis, e apoiado por profesionais de prestixio que conforman o Núcleo de Apoio á Competitividade e Creación de Empresas, “polo que é unha oportunidade única para formarse, asesorarse, facer contactos de primeiro nivel ou montar unha empresa da man da experiencia do día a día”, sinalan os impulsores da iniciativa.

PUBLICIDADE