Myvuelingcity.com, nova guía en liña de viaxes e ocio

venres, 17 de xuño do 2011 Raquel Noya

A operadora de baixo custe Vueling, que ofrece servizos en 51 cidades españolas (incluídas as tres galegas con aeroporto de seu: Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña), vén de desenvolver, en colaboración coa emisora ScannerFM, unha guía de ocio e viaxes que ofrece unha selección de restaurantes, festivais, tendas, clubs e lugares de interese das cidades nas que opera, coa opción de escoitar a radio en directo mentres se navega pola mesma.
A guía virtual, de nome Myvuelingcity.com, contén tres seccións independentes, de utilidade á hora de atopar os locais de ocio e festivais musicais que máis nos interesan de cada cidade, que son: a sección MyPodcasting, con rutas musicais para escoitar e descargar no iPod; MyFestivals, que ofrece unha selección de música e cultura urbana coa retransmisión en directo dalgún dos festivais máis relevantes, e MyRouting, unha guía alternativa de cidades que achega monográficos e rutas temáticas dos distintos destinos.
En total, a guía ofrece cinco categorías de busca: Myfood, con restaurantes de moda, tascas e lugares nos que degustar a mellor gastronomía; Myshopping, coas tendas máis orixinais para ir de compras; Myclubbing, cunha selección de discotecas, clubs, ou locais nocturnos; Myculture, para atopar centros relacionados coa alta cultura como museos, centros de arte, bibliotecas, teatros... e Myplaces, con currunchos e espazos, segundo eles, “imprescindibles” que non nos debemos perder nas nosas visitas.
A web, que inclúe a sección Te recomendamos, na que os seus xestores seleccionan para os seus usuarios, “o mellor do momento”, tamén permite facer reservas de voos grazas a un buscador integrado, así como deixar comentarios e ligazóns para compartir experiencias con outros internautas que a visiten.

PUBLICIDADE