MySpace ofrecerá música de libre escoita

luns, 15 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

Coma toda rede social que, amais de servizo para comunidade en liña, tamén é negocio, MySpace anda a procurar camiños para espallarse. Camiños para facelo semella haber moitos, pero o elixido nos últimos tempos é sen lugar a dúbidas un dos máis duros e, sobre todo, un dos máis convulsos. Falamos do da música dixital, eido no que MySpace semella irromper con máis vontade de facer amigos que de perdelos, tanto pola parte da industria como dos internautas en xeral. Para comezar, segundo informan medios como Vnunet facéndose eco de informacións de Reuters, a nova estratexia de MySpace parte do seguinte alicerce: haberá música de libre escoita. Isto vai ser posible grazas ó acordo asinado entre a devandita rede social e catro empresas que actuarán de patrocinadores da proposta en liña: McDonald’s, Sony Pictures, Toyota e State Farm.
Por certo que os temas musicais que se poderán escoitar de xeito aberto e en streaming pertencen a tres grandes da industria: Sony BMG, Universal e Warner Music.
A iniciativa de MySpace, ademais desta oferta, completarase cun servizo que parece encamiñado directamente a competir co iTunes de Apple, tenda musical en liña que até o de agora fica invicto no seu eido. Pois ben: a idea da dita rede social e máis concretamente do proxecto MySpace Music é poñer o catálogo dos devanditos selos para descarga, ben sexa de pago ou (a través dun sistema de achega de publicidade) de balde. Por certo que MySpace Music, que estará en breve dispoñible, contará con Amazon en labores de promoción.

PUBLICIDADE