Muros completa a cobertura definitiva da TDT

xoves, 3 de decembro do 2009 Raquel Noya

Grazas á axuda dun microrremisor instalado no lugar de Santa Catalina, na parroquia coruñesa de Tal, os veciños do concello de Muros ao completo xa poden recibir correctamente o sinal da Televisións Dixital Terrestre (TDT), unha tecnoloxía que agardaban impacientemente e que chega a tempo para darlle cobertura tamén aos fogares das parroquias de Abelleira e Tal de Arriba.
O alcalde muradán, Domingos Dosil maila concelleira de Cultura e xuventude, Laura Eiras, mantiveron onte pola tarde unha reunión cos veciños da localidade costeira para dar conta do funcionamento deste novo servizo e explicarlles ás persoas asistentes en qué consiste esta nova tecnoloxía que paseniñamente vai chegando a cada recuncho do noso país.
Á xuntanza, á que acudiron medio cento de persoas, tivo como obxectivo analizar todo o relativo á posta en marcha da Televisión Dixital Terrestre así como a resolver as dúbidas plantexadas polos veciños e veciñas da zona en torno a este tema, que xa non é novo para a maioría da xente.
A dúbida máis xeralizada era a data de entrada en vigor da TDT co consecuente apagón analóxico definitivo, así como os problemas máis habituais que presenta esta tecnoloxía. En referencia a isto último, Dosil tranquilizou aos presentes apuntando que se atopaban algún tipo de anomalía se puxesen en contacto de maneira inmedita co Concello, “para que un responsable da empresa fose a reparar o problema”.
Domingos Dosil mostrouse moi “satisfeito” pola chegada da TDT a todas as parroquias de Muros, así como pola calidade do sinal recibido, que é inmellorabla grazas aos cinco microrremisores instalados en toda a localidade.
Nembargantes, aínda que todo fora ben e os veciños non presentasen ningunha queixa, o executivo loval vai levar a cabo divesas probas nos vindeiros días, para ver que os aparellos funcionana correctamente e non xean problemas de sinal.

PUBLICIDADE