MundoSinRumbo: «Gústanos compartir nas redes as nosas viaxes e proxectos para crear conciencia medioambiental»

mércores, 10 de febreiro do 2021 S. P.

Juanpe e Melina, autores da canle youtubeira MundoSinRumbo

Dende Código Cero falamos con Melina Miller e Juan Pedro Blanco, creadores da canle de viaxes que arrecende a natureza e que se pode visitar en YouTube e Instagram baixo o nome de Mundo sin rumbo. Como unha especie de presaxio anticipado a esta crise sanitaria que nos impide responder á chamada do salvaxe que agocha a natureza, nacía hai ano e medio o proxecto Mundo sin rumbo, unha viaxe con punto de partida en Compostela cara a rutas salvaxes protagonizada por Melina e Juanpe.
As súas expedicións son compartidas a través de dúas canles en Internet, unha viaxe virtual que nos achega a posibilidade de visitar lugares (sen saír do noso peche perimetral) e que podemos gozar na súa canle de YouTube, MundoSinRumbo, con arredor de 40.000 visualizacións e nas súas contas de Instagram: @melinamiller.msr e @juanpe.msr que xa teñen máis de 2.200 seguidores.
- Como xorde a primeira viaxe e a idea de compartila nas Redes? Tedes algún tipo de formación no mundo dixital?
- Como toda aventura, sexa grande ou pequena, esta primeira viaxe xorde a partir dun libro chamado Expedición Cabo Norte, o cal relata as peripecias dunha parella de asturianos que viaxan en bicicleta dende Xixón ata Cabo Norte, o punto máis setentrional de Europa.
Aínda sen rematar o libro, iniciamos unha pequena travesía por terras sanabresas para comprobar se este estilo de viaxe estaba feito para nós. Logo de realizalo, non só soubemos que si, senón que inmediatamente despois, planeamos unha longa viaxe para ese mesmo ano, na que eu, (Melina) chegaría ata San Sebastián e Juanpe ata os Alpes italianos, pero, por distintos motivos, a miña viaxe rematou en Bilbao e a de Juanpe nos Pirineos franceses, o cal tampouco desmerece.
Aínda que gravamos toda a viaxe, nun principio non pensabamos compartila nas redes, pero unha vez editados os vídeos decatámonos de que resultaban entretidos e decidimos crear a nosa propia canle. Os vídeos foron gravados co móbil e editados nun programa moi sinxelo, xa que non temos ningún tipo de formación no mundo dixital, pero pouco a pouco imos aprendendo pola nosa conta e mellorando a calidade do contido.
- Credes que é posible vivir deste proxecto?
- Cremos que pode ser posible a longo prazo e cunha gran dedicación, pero sinceramente non é o noso obxectivo. Gústanos moito gravar e editar, e seguiremos compartindo nas redes as nosas viaxes e proxectos, pero non con motivos lucrativos, senón como medio de comunicación a través do cal crear conciencia medioambiental. Os nosos proxectos profesionais estarán sempre vinculados a traballar na propia natureza.
- Visitando a vosa canle de viaxes séntese o amor pola natureza e unha vontade enorme de educar no respecto e coidado do medio. De onde nace este apego pola paisaxe non urbana e os seres que a habitan?
- No meu caso (Melina), dende pequena sempre me encantaron a natureza e os animais, pero non foi ata coñecer a Juanpe cando comecei a facer rutas e interesarme tanto polas montañas e por coñecer todo sobre a natureza, coa súa flora e a súa fauna. Dende que estamos xuntos, nada máis rematar unha viaxe ou aventura xa estamos planeando a seguinte. Na natureza é onde mellor me sinto, libre e feliz, e este amor por ela é o que tento transmitir nos vídeos e coas miñas fotografías.
Ademais é o que me levou a querer estudar algo relacionado con este sector, por iso estou cursando un ciclo superior de Educación e Control Ambiental.
-Dende que teño uso de razón (Juanpe), recordo pasar os días no monte descubrindo e aprendendo todo sobre os seres que o habitan. Isto, sumado a numerosas viaxes e lecturas, ambas formidables escolas, nutre cada día ao naturalista que levo dentro. A parte disto, veño participando dende fai tempo en proxectos de conservación de fauna e flora. Actualmente curso estudos de xestión forestal e do medio natural.
- De entre todos os destinos que xa fican atrás, de cal gardades unha lembranza especial?
- É moi difícil escoller un só destino, pero no meu caso (Melina), sempre lle terei un cariño especial aos Picos de Europa, xa que foi onde fixemos a nosa primeira viaxe longa, de oito días, percorrendo o parque nacional coa furgoneta. Tanto nesta viaxe como nas viaxes en bicicleta, fixemos numerosas rutas nas que puidemos descubrir as marabillas que acolle este lugar. Asemade, lembro que nunha destas andainas, subindo a un cumio chamado Peña Blanca, foi a primeira vez que me emocionei e chorei de ledicia, por atoparme nun lugar tan espectacular, e neste caso, por ter chegado ata alí dende a miña casa e en bicicleta.
- Para min (Juanpe) tamén é difícil escoller, pero si que é certo, que na primeira viaxe en bicicleta, unha vez crucei a Francia tras trinta días de viaxe e ascendín á Col de Bagargi, nos Pirineos occidentais, non puiden evitar emocionarme pola nostalxia do xa percorrido ata entón e polas montañas que se amosaban ante min.
- Que ferramentas dixitais levades convosco nas viaxes: GPS, móbil, tableta... ou preferides ir sen rumbo e só botades man da tecnoloxía para compartir pola Rede a vosa aventura cos seguidorxs da vosa canle de YouTube e Instagram?
- A única ferramenta dixital que levamos son os nosos teléfonos móbiles, e se ben é certo que fan as veces de GPS, o que máis usamos é o PPS (Para, Pregunta e Segue), o cal combinamos con mercar mapas locais. Polo tanto, para o que máis usamos os móbiles é para gravar os vídeos e compartir de cando en vez algunha historia nos nosos Instagrams.
Outra ferramenta que é imprescindible para nós é a cámara de fotos, coa que tentamos captar en imaxes todos eses lugares marabillosos que percorremos e todo o que neles habita.
- Rematamos esta conversa cun aquel de nostalxia pola viaxe vivida en primeira persoa e devecemos por descubrir un novo destino da vosa man. Tedes xa algunha viaxe no horizonte?
- Son moitas as viaxes e destinos que temos en mente a medio e longo prazo. Polo de agora, gustaríanos realizar este verán outra viaxe cicloturista cruzando os Pirineos, dende o Mar Mediterráneo ata o Cantábrico.

Imaxes: MundoSinRumbo (@melinamiller.msr e @juanpe.msr)

PUBLICIDADE