Multada unha empresa galega por usar software ilegal

martes, 2 de marzo do 2010 Raquel Noya

O Comité Español da Business Software Alliance (BSA), vén de informar da decisión tomada polo Xulgado Mercantil número 2 da Coruña de adoptar medidas cautelares contra a empresa galega A-CERO por presunto uso de sofware non autorizado.
Esta empresa, con sede na Coruña, terá que depositar ata 254.874 euros en garantía de pago ante a posible indemnización que deberían recibir por danos e perxuizos as empresas afectadas polo uso de software sen licenza se finalmente a sentenza é favorable aos demandantes.
Trátase, segundo informan dende a BSA, “dun dos meirandes depósitos esixidos ata o momento en España a unha sola empresa por presunta instalación e uso de software ilegal”.
O xulgado decretou ademais o embargo dos equipos nos que estaba funcionando o software, así como o cese da actividade ilícita desta entidade dedicada á arquitectura e ao urbanismo.
Os feitos datan de xuño de 2009, cando por orde xudicial se levou a cabo un rexistro da actividade desta empresa. A inspección revelou o uso presuntamente ilegal de sofware sen licenza de compañías como Microsoft, Adobe e Autodesk e o informe pericial estimou que “o valor dos programas pirateados era de 254.874 euros”, cantidade que agora debe depositar a compañía á espera de que se celebre o xuizo e se dicte sentenza.

PUBLICIDADE