Multa de 50 millóns de euros a Google en Francia

luns, 21 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

A Comisión Nacional de Informática e Liberdades (CNIL) de Francia, tras recibir queixas colectivas das asociacións NOYB e LQDN sobre o uso por parte de Google de datos persoais dos usuarios nos seus servizos sen a base legal básica, concretamente para a personalización da publicidade, o que vulneraría o Regulamento Xeral de Protección de Datos (RXPD), levando a que a CNIL impoña unha sanción por valor de 50 millóns de euros a Google, que hoxe faise pública, e que sería a primeira ocasión na que a CNIL aplica as sancións máximas provistas polo RXPD.
A investigación da CNIL considera que as medidas implementadas por Google non son dabondo para satisfacer os principios fundamentais do RXPD (transparencia, información e consentimento), xa que as deficiencias atopadas privan aos usuarios de garantías fundamentais para o tratamento dos seus datos que poden revelar áreas completas da súa privacidade, xa que o volume de datos tratados posibilita unha combinación de datos case ilimitada.
O organismo francés considera que Google debería permitir que os usuarios manteñan o control sobre os seus datos e, polo tanto, sería preciso informalos e solicitarlles un consentimento válido. O grande problema das deficiencias detectadas é que son continuas, e non se trata dunha fenda de seguridade puntual, polo que cómpre solucionar o problema canto antes, especialmente polo dominio de Android no mercado de móbiles francés, que practicamente forza aos usuarios a crear unha conta de Google para usar os seus smartphones.

PUBLICIDADE