Mugardos xunta tecnoloxías abertas e gastronomía local na I Xornada de Cociña Libre

martes, 26 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

Este sábado 30 novembro toca celebrar as moitas e variadas da cultura e a tecnoloxía sen cancelas e as súas potencialmente enriquecedoras confluencias e interrelacións coa gastronomía galega. Estamos a falar da primeira Xornada de Cociña Libre, que se celebra en Mugardos, en horario de 9.00 a 18.00 horas no Local Sociocultural Casas Baratas da devandita vila mariñeira. Unha vez máis, será a Comunidade O Zulo, con sede en Mugardos, a encargada de arrexuntar a máxima cantidade posíbel de usuarios/as e desenvolvedores/as de software libre da nosa terra, desta volta arredor dunha xornada tecnogastronómica. O prazo para inscribirnos xa está aberto dende a semana pasada.
Entre os obxectivos da xuntanza atópanse os seguintes: fomentar a gastronomía local e produto de proximidade; achegar as novas tecnoloxías, software e cultura libre á cociña; e ampliar o abano de actividades realizadas pola asociación.
As actividades dará comezo ás 9.00 horas coa recepción e benvida, para logo pasar á organización dos grupos de traballo. A partir das 10.00 está prevista unha saída cara ao Mercado de San Telmo. Logo dunha pausa para o café, haberá unha sesión de documentación, dixitalización e publicación de receitas e entrevistas. O xantar, unha dos puntos estrela do programa, está previsto para as 15.00 horas. Logo das sobremesas clausurase o evento.
Na primeira parte da xornada, os asistentes visitarán o mercado local de Mugardos para “mercar a materia prima das receitas e coñecer de primeira man as vantaxes do produto de proximidade”, sinalan dende O Zulo, engadindo que un dos obxectivos básicos é “fomentar o uso das novas tecnoloxías para a promoción do comercio local é difundir os contidos en libre con licenzas abertas”. Para lograr isto, utilizarase, por unha banda, un sistema wiki como software colaborativo para crear contido web dun xeito rápido e sinxelo; o uso de licenzas abertas para a publicación dos contidos: textos, imaxes, son e vídeos.
O resultado final será a publicación de todo o proceso no Wiki da Asociación Comunidade O Zulo.

PUBLICIDADE