Mugardos organiza as IV Xornadas de Software Libre

martes, 17 de abril do 2007 Raquel Noya

Por cuarto ano consecutivo e debido ó éxito acadado nas anteriores convocatorias, o vindeiro sábado 21 de abril, Mugardos organiza a cuarta convocatoria das Xornadas de Software Libre do Concello, unha aposta pola liberalización dos programas informáticos na comarca de Ferrol que nace da Comunidade Virtual Linux O Zulo.
Esta innovadora iniciativa, xurdida en 2004, propón a divulgación das aplicacións e dos sistemas operativos de licenza pública, e foi acollida con satisfacción pola Concello, que empresta as infraestruturas necesarias para o seu desenvolvemento. Nesta aposta pola liberdade de coñecemento, as IV Xornadas de Software Libre do Concello de Mugardos, servirán (entre outras cousas) para achegar información sobre o estado actual do software libre (cun relatorio ó cargo de David Carracedo, do Grupo Academia Postal), para saber máis do Proxecto Mancomún, a iniciativa galega polo software libre (da que falará o responsable deste obradoiro en liña, Jesús Arribi) ou para coñecer mellor as directrices migratorias dos servidores, da man de Roberto Brenlla de Tegnix.
Os organizadores desta cuarta edición seguen polo tanto a apostar polo software libre, “un software potentísimo que”, segundo eles, “responde a unha filosofía do século XXI de liberdade e gratuitidade de ferramentas informáticas comúns” xa que, aínda hoxe, “na maioría dos nosos fogares séguense a empregar programas informáticos atados ás licenzas de uso de multinacionais e ás súas manipulacións”.
A entrada ó evento, que terá lugar no salón de plenos da casa consistorial, é libre e de balde, e tampouco se require unha inscrición previa para poder asistir.

PUBLICIDADE