Mozilla tira a toalla con Firefox OS

xoves, 2 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

O soño da Fundación Mozilla de crear un sistema operativo móbil baseado en tecnoloxías web abertas foi un fracaso na súa forma inicial, e hai un ano anunciaron o cese do desenvolvemento de Firefox OS na súa versión para móbiles, adiantando que tiñan pensado orientar o sistema operativo en dispositivos conectados como televisores ou produtos da Internet das Cousas, pero estes novos esforzos para levar a Mozilla máis aló do navegador web volveu fracasar, e hoxe mesmo a organización sen ánimo de lucro comunicou que prescindirá dos traballadores da división de dispositivos (medio cento de persoas).
Cómpre lembrar que Mozilla non está nunha boa situación actualmente, xa que o navegador web Firefox non para de perder relevancia, véndose totalmente eclipsado polo Chrome de Google, especialmente en dispositivos móbiles, onde o Firefox non pasa de aplicación anecdótica.
Segundo StatCounter tería unha cota de mercado de só o 6,75% no mes de xaneiro, principalmente pola súa debilidade en dispositivos móbiles, mentres que en ordenadores persoais aínda conserva un digno 14,85%, sendo o segundo navegador web máis usado, pero quedando moi por detrás do 62,09% de cota do Chrome.

Firefox tentou, con pouca fortuna, introducirse nos televisores conectados

PUBLICIDADE