Mozilla aspira a facer posible un smartphone que custe só 25 dólares

luns, 24 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

O Alcatel ONETOUCH Fire C é un dos smartphones que poden verse estes días en Barcelona

Mozilla está a aproveitar a súa presenza no Mobile World Congress para dar conta de que o seu sistema operativo móbil, Firefox OS, continúa a facer gala da súa flexibilidade e escalabilidade, de xeito que estará presente tanto en smartphones de máis potencia que os actuais como en dispositivos de baixa gama que poderían chegar a situar o nivel de entrada dos smartphones con 3G/2G en só 25 dólares, o que suporía un importante avance para os mercados emerxentes.
Tamén incidiron no feito de que a tenda de aplicacións para Firefox OS continúa a mellorar o seu catálogo, contando xa con Facebook, EverNav, HERE, LINE, Pinterest, SoundCloud, Twitter, Yelp e YouTube entre as aplicacións máis descargadas (xunto con xogos como Cut The Rope e Where’s My Water?), aínda que carecendo aínda de WhatsApp (aplicación que non ten previsto estrearse no Firefox Marketplace).
Durante estes días poden verse en Barcelona varios dispositivos con Firefox OS, como serían os ZTE Open C e Open II e os Alcatel ONETOUCH Fire C, Fire E, Fire S e Fire 7 tablet, que son unha mostra do que veremos en mercados emerxentes nos vindeiros meses, mentres que a máis longo prazo prevén que van contar con soporte de 4G (LTE) e NFC, así como integrarán o servizo de contas de Firefox nos móbiles (de grande interese para a sincronización entre o móbil e o navegador de escritorio, así como para facer copias de seguridade ou poder localizar o móbil en caso de roubo ou perda) e moitas outras melloras de interface.

ZTE levou ao Mobile World Congress o seu smartphone Open C

PUBLICIDADE