Movistar promove o uso responsábel da tecnoloxía mediante unha nova web, Dialogando

martes, 7 de febreiro do 2017 Redacción

Tirar o máximo proveito das novas tecnoloxías e facelo dun xeito seguro é o motor que move á nova web que estreaba onte Movistar en España, trátase de Dialogando, unha páxina que abrangue temas como: a sustentabilidade (ecoeficiencia, economía creativa, responsabilidade social); innovación (Internet das Cousas, novas tecnoloxías e tendencias dixitais); lecer (películas, series, videoxogos, libros e música); identidade dixital (menores na Rede, familias conectadas, educación e competencia dixital); comportamento (ciberbullying, relacións en liña, saúde, sexualidade e cidadanía dixital); e seguridade. Trátase dun portal global de contidos, evolución do portal para pais e educadores Familia Dixital de Movistar, no que o público atopará opinións e un comité de expertos discutirá e analizará as cuestións que máis preocupan á sociedade (ciberacoso, ciberseguridade, a hiperconexión ou o lixo electrónico, entre outras).
Dialogando España contará coa colaboración de Diana González (especialista en educación e TIC da Escola de Tecnoloxía do Planetario de Pamplona-Iruña); María Zabala (xornalista e especialista en familia, menores e tecnoloxía); Ofelia Tejerina (avogada TIC e doutora en Dereito Constitucional); e Urko Fernández (director de proxectos de PantallasAmigas).
Cómpre subliñar que dialogando.com é un portal accesíbel para persoas con discapacidade audiovisual e auditiva e está xa dispoñíbel en portugués e español, coas adaptacións locais para algúns países de Latinoamérica.
Dialogando é un proxecto desenvolvido por Telefónica S.A. e VIVO Brasil. España é o segundo país no que se lanza, aínda que o site implantarase paseniño en Venezuela e Colombia e de maneira progresiva noutros once países do Grupo (Arxentina, Chile, Costa Rica, Ecuador, O Salvador, Guatemala, México, Nicaragua, Panamá, Perú e Uruguai).

PUBLICIDADE