Movistar ofrece datos ilimitados no móbil a máis de 3 millóns de clientes

luns, 20 de abril do 2020 Marcus Fernández

Hai algo máis dun ano Vodafone revolucionou o mercado da telefonía móbil con tarifas de voz e datos sen límites, e finalmente Movistar reacciona a tal oferta e anuncia a chegada dos datos ilimitados a máis de tres millóns de clientes sen custo adicional. Esta medida busca responder á alta demanda de datos no móbil durante as semanas de confinamento, de xeito que os usuarios non terán que adquirir bonos de datos adicionais nas súas liñas móbiles principais nas súas tarifas máis completas (Fusión Total, Fusión Total Plus e Fusión Selección Plus).
No caso da tarifa Fusión Selección La Liga ou Champions, Fusión+ Ocio, Fusión+ Fútbol e Fusión Pro poderán gozar de datos, chamadas e mensaxes de texto sen límites pagando 5 euros adicionais ao mes.
Para altas novas, os usuarios que queiran gozar dunha liña móbil con datos, chamadas e SMS sen límites terán que pagar 24,95 euros/mes durante os primeiros 12 meses, tras os que a tarifa pasará a ser de 39,95 euros/mes. Os clientes de Fusión que queiran gozar dunha segunda liña adicional con datos ilimitados terán que pagar 22,5 euros/mes pola segunda liña.

PUBLICIDADE