Movistar incorpora ao seu catálogo móbiles de Xiaomi

luns, 22 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Tras a entrada de Xiaomi a España, con tendas, distribución e servizo técnico oficiais, faltáballe unha das grandes canles de venda, os operadores de telecomuniacións, pero hoxe Movistar anuncia que vén de incorporar ao seu catálogo de smartphones a marca chinesa, destacando o feito de que terá en exclusiva un dos modelos de móbil de Xiaomi, concretamente o Redmi 6 en capacidade de 64 GB a un prezo de 179 euros.
Este primeiro terminal de Xiaomi que vende Movistar é un dispositivo con pantalla de 5,45 polgadas cunha resolución de 1.440 x 720 píxeles, procesador Helio P22 de 8 núcleos, 3 GB de RAM, cámara traseira dual de 12 e 5 Mpíxeles, cámara frontal de 5 Mpíxeles, lector de pegadas traseiro, dobre SIM, Bluetooth 4.2 e batería de 3.000 mAh, ou sexa, un dispositivo cunhas especificacións moi xustas, pensando en ser un móbil de entrada a un prezo axustado, sen ter que sacrificar un bo deseño e unha fabricación de certa calidade.
Movistar incorporará máis móbiles de Xiaomi en distribución exclusiva, buscando así atender a demanda dos seus clientes de dispositivos dunha marca que en España goza dunha sona especialmente boa.

PUBLICIDADE