Movistar erradica a marca Canal+ da súa oferta de canles

luns, 1 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Para moitos resultou rechamante que hai medio ano Movistar decidise facer desaparecer unha canle de televisión con preto de 26 anos de actividade, Canal+, para crear unha nova marca cun nome moi confuso, #0, pero este cambio parece que tiña unha clara intención: erradicar definitivamente unha marca que non nacera en Telefónica, e que a partires de hoxe tamén se despide da oferta de canles de Movistar+ a través dunha renovación da identidade visual que bota a andar hoxe e na que prescinden do sufixo Canal+ para definir as numerosas canles de deportes, cine e series para substituílo por unha letra M.
Deste xeito, a partires de hoxe temos as canles M. Partidazo, M. Fútbol, M. Deportes 1, M. Deportes 2, M. Golf, M. MotoGP, M. Fórmula 1, M. Estrenos, M. Acción, M. Comedia, M. DCine, M Cine Ñ, M. Xtra, M Series e M. Series Xtra; mentres que Canal+ Toros pasa a chamarse Toros TV.
Este cambio de marca é bastante rechamante, non só porque Canal+ é unha marca moi consolidada que está a perderse, senón tamén polo feito de que Canal+ Series ou Canal+ Estrenos estaban presentes a través doutros operadores, polo que resultaría bastante rechamantes que clientes doutras compañías puidesen ver esa oferta audiovisual co logotipo de Movistar.

PUBLICIDADE