Movistar e Orange amosaron en xullo cifras semellantes de perdas en portabilidade

venres, 7 de agosto do 2015 Redacción

Deixando atrás o mes de xullo, chégannos as cifras das portabilidades dos principais operadores de telecomunicacións do pasado mes. Deste xeito e segundo se desprende dos recontos, os tres grandes operadores volven situarse no cumio rexistrando cifras negativas, case empatando Movistar e Orange. Con todo, a de France Telecom ten as boas cifras de Jazztel na súa conta. Se falamos de Movistar, e o comparamos co que acontecía hai un ano, o operador non sae moi prexudicado, pois no 2014 perdía a estas alturas do ano máis de 70.000 clientes de servizos móbiles, unha cifra que se reduciu drasticamente até unhas 27.000 liñas en negativo.
Pola súa banda, Vodafone comeza a sumarse tantos grazas a Ono (+9.300), aínda que o balance é negativo, pois perdeu 37.000 clientes e, pola súa banda, Orange perdeu 24.000, que quedarían compensadas coas recibidas por parte de Jazztel.
En canto á tarifa SinFín de Yoigo, é a que xustifica o medre mensual do operador, que por outra banda leva un ritmo semellante durante os últimos meses. Cómpre dicir que a compañía decidiu retirar esta oferta de 20GB e chamadas ilimitadas por menos de 30 euros ao mes, o que se cadra mude de xeito drástico a súa situación nos vindeiros meses.
Á parte están os operadores sen rede propia, dos que a maior parte pasaron o mes de xullo sen moitos cambios. Emporiso, cómpre salientar as cifras de Lowi e Simyo, de Vodafone e Orange respectivamente, que sumaron 8.000 e 7.700 novos clientes á súa carteira. Tuenti non tivo un bo mes con máis de 300 clientes perdidos, o que se pode interpretar como a necesidade de renovar algunhas tarifas, e Lebara levouse o peor valor do mes (de falarmos de operadores móbiles virtuais) rexistrando máis de 1.000 clientes perdidos. Por último, Pepephone, xa coa situación estabilizada arredor da súa cobertura 4G, rexistra 850 novos clientes.

Portabilidade xullo 2015

Movistar -27000
Vodafone -37000
Orange -24000
ONO 9300
Yoigo 19700
Jazztel 24000
Simyo 7700
Lowi 8000
Euskaltel 5000
MasMóvil (+Happy Móvil) 4200
R 3200
Digi 1900
Pepephone 850
Telecable 1200
Oceans 1100
Tuenti -320
Hits 70
Carrefour -80
Dia -110
Eroski -540
Lebara -1100
Lycamobile -900

PUBLICIDADE