Movistar e Ecomar traballarán para sensibilizar aos adolescentes na importancia de coidar o mar

xoves, 5 de outubro do 2023 S. P.

Movistar e a Fundación Ecomar xuntaron forzas para promover a mocidade o coidado dos mares e do medio ambiente. Farano a través do programa educativo ApS Ecomar: Navegando por Mares de Conciencia e Saúde. A operadora encargouse de desenvolver unha plataforma adaptada aos contidos educativos impartidos e será a provedora das instalacións, as licenzas e o mantemento desta ferramenta de aprendizaxe cun enfoque eminentemente dixital.
Segundo explica a empresa de telecomunicacións, a plataforma de estudos online utiliza a metodoloxía de Aprendizaxe e Servizo (ApS), que permite aos estudantes aprender e contribuír á sociedade de maneira simultánea. Para iso, integra a aprendizaxe de contidos, habilidades, valores e o servizo á comunidade nun mesmo proxecto educativo.
Os principais obxectivos do proxecto son: fomentar a concienciación sobre a saúde do corpo e do planeta, promover a participación en accións sociais, desenvolver o liderado ambiental e ofrecer experiencias de educación ambiental prácticas máis aló da aula.
Os estudantes que participen non só adquirirán coñecementos sobre o medio ambiente e a sustentabilidade, senón que tamén poderán converterse en cidadáns activos e conscientes da súa contorna, comprometidos coa preservación dos nosos mares e cun estilo de vida con hábitos máis sustentábeis.
O proxecto piloto de ApS Ecomar levouse a cabo no centro escolar Lestonnac, en Barcelona, durante o ano 2022, cun “importante éxito en materia de participación e resultados”, informou Movistar, engadindo que nesta iniciativa, 90 estudantes de Educación Secundaria participaron activamente, creando camiño para a difusión e réplica do proxecto a novos centros escolares, públicos e privados, así como outras institucións educativas.
O programa está deseñado principalmente para estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria. No próximo mes, máis de 1.000 adolescentes poderán comezar a utilizar esta ferramenta educativa.
ApS Ecomar preséntase como unha actividade curricular integral que forma parte do programa anual dos centros educativos. Cunha duración aproximada de 20 horas de contidos, divídese en dous bloques un que aborda temas clave como o proxecto en si mesmo, a importancia da natureza e os nosos océanos, a pegada de carbono, a economía circular, a sustentabilidade, a contaminación ambiental e o autocoidado; e outro con carácter práctico, que inclúe a participación dos estudantes na limpeza de costas e a estimulación da creatividade do alumnado e fomento das competencias dixitais ao redor de temas ambientais.

PUBLICIDADE