Movistar comezará a vender o Palm Pre o 14 de outubro

mércores, 7 de outubro do 2009 Marcus Fernández

O vindeiro 14 de outubro será a data na que Telefónica traerá a España o terminal Palm Pre, que está a ser considerado coma un dos principais competidores do iPhone (polas súas similitudes técnicas) e que innova co seu sistema operativo (webOS), de xeito que pode supor a táboa de salvación de Palm (compañía que conseguira liderar o sector dos PDA, agora canibalizado polos smartphones).
O Palm Pre venderao Movistar a un prezo que vai dende os 0 ata os 219 euros, de xeito que un usuario con portabilidade, un contrato de voz de 29,9 euros e de 15 euros de datos poderán adquirilo por só 29 euros, mentres que será preciso adquirir un compromiso de gasto de 60 euros/mes en voz e 15 euros en datos para que saia de balde. Os usuarios que elixan as tarifas mensuais máis reducidas deberán pagar o prezo máximo do terminal (219 euros). En todos os casos mencionados inclúese un compromiso de permanencia de 18 meses.

PUBLICIDADE