Movistar adía o apagamento da súa central de cobre no Courel

venres, 26 de novembro do 2021 Marcus Fernández

A ameaza de quedar sen telecomunicacións dende hoxe mesmo nalgúns núcleos de poboación do Courel finalmente non vai materializarse, e a desconexión das liñas de telefonía fixa baseadas en par de cobre adíase para non deixar a ninguén sen servizo segundo Movistar, asegurando que o que acontecerá hoxe será a «baixa administrativa dunha central de Folgos que atence a unha zona pequena da vila» e que fisicamente non se desconectará até maio de 2022.
Movistar tamén aseguran que o cámping de Esperante, un dos ameazados pola desconexión, manterá o servizo actual mentres estudan se poden dotalo de fibra óptica. Curiosamente na mesma situación está o cuartel local da Garda Civil. Aseguran que das 49 liñas que dependen da central de Folgoso, 43 terían migrado a fibra óptica e 4 a conexión por ondas, de xeito que só quedarían por solucionar os mencionados casos do cámping e do cuartel; aínda que tamén cómpre salientar que os veciños aos que se lles instalou a solución por ondas de radio non están satisfeitos e aseguran padecer cortes constantes nas chamadas.
Dende o Concello de Folgoso do Courel tamén denuncian que os problemas de telecomunicacións da zona están lonxe de solucionarse, pondo como exemplo a Ferreirós de Abaixo, a onde non chega sinal de ningún tipo (nin telefonía móbil, nin radio, nin televisión).

PUBLICIDADE