Movistar Imagenio móbil chega aos dispositivos de Apple

venres, 22 de xuño do 2012 Raquel Noya

Movistar vén de ampliar as posibilidades do seu servizo de contidos de televisión á carta, Imagenio móbil, ao incorporalo aos dispositivos con iOS (iPhone e iPad), que se unen aos xa dispoñibles para Android e Blackberry. Deste xeito, o servizo ofrecido chega xa aos 95% dos smartphones da operadora, subindo un novo chanzo na difusión do sinal de televisión en tódalas pantallas dispoñibles: móbil, TV no fogar e Internet. Segundo informan, na actualidade, máis de 100.000 clientes ven Movistar Imagenio dende os seus dispositivos móbiles, unha cifra que se irá incrementando de xeito constante conforme as persoas usuarias de iOS descarguen a nova aplicación.
Para dispor de Movistar Imagenio móbil, os clientes da compañía con terminais de Apple deberán entrar dende emoción, ou ben enviar un SMS de balde ao 22404 co texto TV.
A maiores, a compañía anunciou a promoción dun mes gratis de Imagenio móbil familiar para aqueles clientes que teñan un smartphone de Movistar, que lle da dereito a acceder a tódalas canles de televisión de ocio, deportes, series infantís, documentais ou novas incluídas na oferta de TV de Movistar Imagenio IPTV.
En total, o servizo permite acceder a máis de 50 canles de televisión, entre as que se atopan, Gol TV, Paramount Comedy, TNT, Fox, Eurosport, Historia, Odisea, Cartoon Network, MTV Music, Telecinco...
Para acceder directamente aos contidos que nos interesan e non ter que andar a facer zapping polas máis de 50 canles dispoñibles, a firma aproveitou para desenvolver a Guía Imagenio, disposta de balde tanto para iOS como para SO Android, na que se pode consultar a oferta do servizo, así como acceder a trailers, sinopses, e a programación toda de Imagenio a calquera hora e dende calquera lugar.

PUBLICIDADE