Motorola sorprende actualizando o Moto G de segunda xeración a Lollipop

mércores, 12 de novembro do 2014 Marcus Fernández

Poder gozar con Android 5.0 nun smartphone é algo que até o momento só estaba ao alcance de propietarios dun novo e difícil de atopar Nexus 6 (actualmente carece de stock en España), agardándose que o Nexus 5 reciba en breve a actualización para poder actualizarse a Lollipop, pero Motorola vén de sorprender aos propietarios de terminais Moto G de segunda xeración que estean libres coa tan desexada actualización, o que resulta moi rechamante, xa que deste xeito o primeiro teléfono do mercado en actualizarse oficialmente ao novo Android sería un produto de gama media (pode adquirirse por menos de 180 euros), cando o normal sería que dispositivos de gama alta fixesen tal. Polo momento a publicación da actualización só está confirmada nos EE.UU.
Actualizar o Moto G de segunda xeración a Lollipop permite que o móbil poida gozar da nova interface Material Design, conte con notificacións avanzadas e con prioridades, permite establecer condicións para minimizar as interrupcións que poida ocasionar o móbil, facilita a multi-tarefa, axiliza a posibilidade de empregar o flash da cámara a xeito de lanterna, goza de sistema de múltiples contas de usuario (permitindo que poidamos emprestar o terminal a outra persoa, limitando o que pode facer co mesmo), pode fixarse unha aplicación en pantalla (por exemplo, bloqueando un xogo para que un cativo non poida saír do mesmo e navegar polos contidos do noso móbil), mellora a xestión de batería, xestiona dun xeito máis intelixente as conexións á Internet, mellora o seu rendemento mediante o uso da nova máquina virtual ART e tamén incrementa considerablemente a súa seguridade.
ACTUALIZACIÓN: Motorola está a detallar o estado de actualización dos seus smartphones a Android 5.0 Lollipop, asegurando que comezaron a distribución da actualización para a segunda edición do Moto X (concretamente a Pure Edition) e a segunda edición do Moto G nos modelos internacionais e estadounidenses (nas versións que se venderon en EE.UU.) instando aos usuarios dos seus dispositivos a visitar a súa páxina web sobre actualizacións para coñecer o estado do seu terminal, aínda que polo momento non detallan cando veremos a actualización nos smartphones vendidos en Europa.

PUBLICIDADE