Motorola despedirá a 4.000 empregados e reducirá o seu catálogo de terminais móbiles

luns, 13 de agosto do 2012 Marcus Fernández

Instalacións de Motorola Mobility en Libertyville (Illinois)

O pasado mes de maio completouse a adquisición de Motorola por parte de Google, principalmente para facerse coa súa carteira de patentes (para poder defender o sistema operativo Android fronte ás demandas xudiciais de competidores como Apple), pero sen eliminar a actividade da compañía que non estaba a pasar polos seus mellores momentos, polo que agora van proceder a reformularse nunha reestruturación que suporá o despedimento do 20% dos traballadores e o peche da terceira parte das súas 94 oficinas repartidas por todo o mundo.
Segundo informan dende o The New York Times os cambios non van limitarse a despedir a 4.000 traballadores, senón que a compañía vai abandonar os mercados nos que non é rendible, deixar de fabricar terminais de baixa gama e enfocarse nuns poucos móbiles en vez de fabricar ducias de modelos distintos.
Este cambio de rumbo parece obrigado nun momento no que o 90% dos beneficios do mercado dos smartphones vai parar a Apple e Samsung, quedando moi pouco pastel para repartir entre Motorola, RIM, LG, Nokia e outros fabricantes, situación moi difícil de mudar. De feito, a división de móbiles de Motorola perdeu cartos en 14 dos 16 últimos trimestres, o que amosa o difícil que é o panorama actual e as dificultades que terán para devolver a Motorola a posición que tiña no pasado.

PUBLICIDADE