Motel Valkirias dará o chimpo ás plataformas de streaming logo do seu paso pola RTP e a TVG

martes, 27 de setembro do 2022 S. P.

O Ourense Film Festival (OUFF) acolleu este luns 26 a estrea mundial de Motel Valkirias, a nova serie de CTV e SPi, produtoras de O sabor das margaridas (éxito absoluto de público en Netflix) e Glória. No certame, no que se presentou o primeiro capítulo, fíxose saber que a serie emitirase na RTP (Portugal) e na TVG, e que estará dispoñíbel proximamente en plataformas de streaming.
Motel Valkirias está protagonizada polas actrices Marina Mota, María Mera e Maria João Bastos, xunto “cun grande elenco actoral do panorama portugués e galego”. A serie, “unha dramedia rodada entre a raia húmida e a seca”, conta con axuda e con colaboración institucional transfronteiriza, por exemplo da Deputación de Ourense.
A estrea na pequena pantalla terá lugar na RTP portuguesa e na TVG. Ademais, dúas plataformas de streaming incorporarán Motel Valkirias ao seu catálogo a nivel internacional.
Sinopse e apoios
No Motel Valkirias, unha serie que mestura o drama co suspense, coa emoción e co humor, as vidas de tres mulleres con grandes problemas persoais e económicos crúzanse, de maneira fortuíta, cando coñecen a Elixio, un cliente que transporta unha mercancía valiosa. Ademais das produtoras e das canles públicas, conta coa colaboración da Deputación de Ourense e coa subvención da Xunta de Galicia a través da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais), entre outros.

PUBLICIDADE