Motel Valkirias, finalista nos Premios á Innovación de Contidos 2023 (e nos Premios PRODU)

mércores, 13 de setembro do 2023 S. P.

A serie de ficción galego-portuguesa, Motel Valkirias, producida por CTV e SPi, está de celebración pois vén de ser elixida finalista en dous certames internacionais: nos Premios PRODU 2023, na categoría de mellor serie de comedia dramática e nos Premios á Innovación de Contidos 2023 -Content Innovation Awards 2023-, no apartado de mellor nova serie con guión en idioma non inglés.
Os Premios PRODU 2023 son os únicos do sector que buscan recoñecer a excelencia na produción latina e en español e impulsala no mundo, convocados en asociación con MIP Cancún, o mercado de contido de lecer número un de Latinoamérica. Estes galardóns son avaliados e outorgados por máis de 600 xurados, profesionais da televisión, os contidos, a creatividade e o mercadeo, entre os que se atopan Ghaleb Jaber Martínez, produtor executivo de CTV, e Ana Ferreirós, a xefa de Relacións Externas e Desenvolvemento de Negocio da empresa audiovisual. A sétima edición da gala dos Premios PRODU será no mes de novembro e retransmitirase vía streaming dende a web de seu, para logo condensar a emisión nun especial de dúas horas en televisión que se emitirá en diferentes canles de Latinoamérica, EEUU e España.
En canto aos Premios á Innovación de Contidos 2023 (Content Innovation Awards 2023), levaranse a cabo en asociación con MIPCOM Cannes (o 39.º Mercado Internacional de Coprodución e Contidos de Lecer, a meirande reunión mundial de profesionais da televisión e os medios de comunicación), o 18 de outubro no Gran Auditorio do Palais des Festivals en Cannes (Francia).
Motel Valkirias é unha serie que consta de 8 episodios de 50 minutos, dirixida por Álex Sampayo e Jorge Queiroga, con guión de Ghaleb Jaber Martínez, Raquel Arias, Albela Araújo, Patrícia Müller, Manuel Gancedo e Manuel Darriba. Está protagonizada por María Mera, Marina Mota, Maria João Bastos e Chechu Salgado.
“Estamos moi contentos por estes recoñecementos internacionais, por unha banda, uns prestixiosos premios en Europa, e por outro, un premio alén do charco, en América Latina. Constata que a produción está a gustar á crítica e é un exemplo de como a conexión entre Galicia e Portugal pode abranguer un mercado internacional”, contaba Jaber Martínez.

PUBLICIDADE