Moonbite e Desoños presentan un videoxogo sobre a historia de Vigo

martes, 1 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

As empresas viguesas Moonbite Games e Desoños veñen de inaugurar un innovador capítulo dentro do estudo e recuperación da historia e a cultura da súa cidade. Dáse a casualidade de que este capítulo é froito do tempo que vivimos, o tempo dixital, e da propia actividade de ámbalas dúas empresas, centradas na achega de lecer electrónico, deseño gráfico-web e fornecemento multimedia. Viaxe ás Covas do Folón, o resultado do seu traballo de lecer-histórico, é un videoxogo especialmente dirixido á comunidade estudantil, co fin de que boten unha ollada ao pasado da cidade por medio dun recurso que xa quixeramos moitos para nós e que agora, grazas á Rede, se pon ao alcance da rapazada: unha máquina do tempo.

Carlos Fernández (de pé) e Carlos Álvarez, creadores de Viaxe ás Covas do Folón</Em> nunha fotografía publicada polo Faro de Vigo

Segundo reflicte estes días o Faro de Vigo, a achega inclúe retos didácticos e preguntas, diferentes etapas históricas para percorrer e menú variado de personaxes (dous en activo aos que se engadirán catro en breve). O xogo, que contou para o seu desenvolvemento co apoio da Concellería de Xuventude e Normalización Lingüística, é unha firme tentativa de quitarlle ferro á cultura pola vía das feituras e os fondos que máis demandan os nenos e os adolescentes: os da sociedade dixital. En certa maneira, explican os seus responsables, cumpre a mesma función que moitos volumes de historia local, pero co gancho do divertimento en liña. O xogo está dividido en nove épocas que se suceden de xeito cronolóxico: Megalítica, Bronce, Castreña, Romanización, Idade Media, Pacega, Reconquista, Modernismo e Actualidade. Para dar forma a cada etapa e para acadar a máxima coherencia e fiabilidade, contouse coa colaboración do arqueólogo Javier Luaces.
Ao longo deste percorrido inclúense unha serie de xogos e preguntas a resolver, incorporando unha cuestión final cuxa resolución está na mesma cidade. Segundo explican os responsables da proposta, trátase de facer que as nenas e os nenos descansen un pouco do xogo e complementen esta actividade con saídas á súa contorna urbana. Viaxe ás Covas do Folón, que requiriu case un ano de traballo para a súa materialización, non é un proxecto empresarial no sentido estrito dos termos, senón un fornecemento aberto para contribuír á cultura local da comunidade escolar viguesa. E dicimos aberto porque, de feito, o desenvolvemento dos personaxes que están pendentes de crear correrá a cargo dos propios rapaces, que poderán implicarse directamente no xogo e ver logo como se converten as súas propostas en figuras reais en 3D.

PUBLICIDADE