Modernización incentiva a creación de novos proxectos no sector TIC

martes, 29 de marzo do 2011 Raquel Noya

Ata 2.600.000 euros vai destinar este ano a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica no noso país para potenciar o sector empresarial da sociedade da información e propiciar o desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos propios.
Así se recolle nunha orde de axudas publicada no Diario Oficial de Galicia de hoxe, que establece dúas liñas de subvencións “para que as empresas TIC poidan xerar e ofertar no mercado novos produtos e servizos tecnolóxicos”, aseguran.
Por unha banda, a orde contempla unha liña de axudas orientada á creación de novos produtos e servizos tecnolóxicos por parte das empresas TIC ou novas versións de produtos xa desenvolvidos ou comercializados con anterioridade.
Para optar a estas axudas, as iniciativas que se presenten deberán incidir nalgunha das seguintes áreas: converxencia e accesibilidade IP, converxencia entre a telefonía fixa/móbil e Internet así como solucións que fomenten o acceso a Internet de calidade desde calquera dispositivo distinto de móbil ou ordenador; mobilidade, localización e GIS (sistemas de información xeográfica); avance na TDT; eficiencia enerxética; mellora do fogar dixital; novas utilidades TIC aplicadas ao transporte, loxística ou sector marítimo que aumenten a eficiencia e seguridade ou acaden unha integración entre outras tecnoloxías.
Por outra banda, a orde subvencionará a elaboración de produtos ou prestacións que melloren os servizos de interese xeral para a cidadanía, tales como os orientados ao eido sociosanitario (teleasistencia, servizos e dispositivos de localización, de alarma, etc.); á educación (contidos dixitais, plataformas de aprendizaxe on line, plataformas de control do alumnado na aula); ou a outros ámbitos de servizos electrónicos en xeral (non necesariamente vencellados á Administración).
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes presentaranse en formato electrónico, ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, mediante sinatura electrónica do representante legal da entidade solicitante.
A web da Secretaría Xeral de Modernización e o Diario Oficial de Galicia (documento en PDF) achegan máis información sobre esta convocatoria de axudas.