Modernización e Movistar percorrerán a xeografía galega cunha aula móbil na que mostrar as vantaxes de Internet

venres, 17 de febreiro do 2012 Raquel Noya

As vantaxes de Internet e as novas tecnoloxías están cada vez ao alcance de máis persoas no noso país, sobre todo dende que botou a andar o Plan de Banda Larga da Xunta hai dous anos, que fixo posible que a día de hoxe o acceso á Rede sexa unha realidade para máis de 400.000 persoas que antes carecían deste servizo.
Porén moitos destes galegos e galegas, que xa dispoñen de acceso a Internet nos seus fogares do rural, aínda descoñecen o uso que lle poden dar a esta ferramenta, e o partido que lle poden sacar a algo que vían a anos luz do seu entendemento.
Falamos principalmente das persoas maiores e dos adultos do rural, que ven Internet como unha ferramenta para o uso e goce dos seus fillos, máis que algo que os poida axudar no seu día a día.
Porén para poñerlle freo a este descoñecemento xeneralizado dos usos que posibilita unha boa conexión a Internet no fogar, Movistar e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, van levar por todo o territorio galego unha aula móbil equipada con ordenadores táctiles, cos que darlle a coñecer ás persoas que se acheguen, as vantaxes e utilidades que ten Internet.
Falamos do Roadshow Movistar Galicia, que comeza a súa andaina mañá no Concello coruñés de Cambre, e que durante os vindeiros 3 meses percorrerá 34 municipios galegos nos que o Plan de Banda Larga da Xunta xa posibilitou a conexión á Rede.
Este tráiler das novas tecnoloxías conta con 18 postos con ordenadores táctiles, que se poñen de balde a disposición de todas aquelas persoas que queiran achegarse a comprobar de primeira man o seu funcionamento.
A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, foi a encargada, xunto co director de Administracións Públicas de Telefónica no Territorio Norte, Manuel Alonso, de presentar a iniciativa e desvelar os detalles máis miúdos da mesma, e como exemplos de uso da Rede para os usuarios potenciais, propuxeron a petición dunha cita médica na páxina do Sergas, consultar a información do tempo en Meteogalicia ou levar a cabo algún dos 229 trámites telemáticos que a web da Xunta permite xa realizar a través da Administración electrónica.
A titular da carteira de Modernización destacou a importancia de informar á cidadanía “a pé de rúa” dos avances que posibilitou o Plan de Banda Larga en cadansúas localidades, así como de xerar demanda de uso “informando das vantaxes que Internet lle pode proporcionar a cidadáns e empresas no día a día”.
Pola súa banda, o representante da operadora nacional indicou na súa intervención que “este Roadshow é un exemplo máis do compromiso de Telefónica para levar Internet a toda Galicia, despregando infraestruturas modernas e eficientes, e mostrándolle aos seus potenciais usuarios que o acceso á Rede pode facilitar moitas xestións cotiás da xente, mesmo das persoas maiores”.
Durante a presentación desta aula móbil tamén se lembrou que, de aquí ao 2013, máis de 11.300 novos núcleos de poboación do rural galego terán acceso a Internet grazas ao Plan de Banda Larga da Xunta, do que se beneficiarán preto de 250.000 persoas en todo o país.
O periplo deste Roadshow rematará o vindeiro 13 de maio en Lalín, logo de ter percorrido gran parte da xeografía galega.


Declaracións da secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, e o director de Administracións Públicas de Telefónica no Territorio Norte, Manuel Alonso presentaron o RoadShow Movistar

PUBLICIDADE