Modernización destina 1 millón de euros para promover as TIC dende as entidades sen ánimo de lucro

mércores, 30 de xuño do 2010 Raquel Noya

Segundo publica o Diario Oficial de Galicia de hoxe, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica vai destinar un millón de euros para subvencionar as actividades de difusión relacionadas co desenvolvemento da sociedade da información que leven a cabo as entidades sen ánimo de lucro no noso país.
O departamento que dirixe Mar Pereira subvencionará, por unha banda, eventos de promoción e difusión da sociedade da información tales como xornadas, sesións de demostración práctica do uso de Internet, conferencias ou congresos de profesionais especializados, etc.; e pola outra, actuacións de difusión das TIC dirixidas á cidadanía en xeral.
Asemade, e en terceiro lugar, con parte desta contía preténdese axudar aos empresarios e traballadores das pequenas e medianas empresas do país a manexarse coas novas tecnoloxías e Internet con soltura.
A cuarta liña está destinada, segundo informan dende Modernización, a subvencionar os investimentos necesarios para a promoción da sociedade da información nas entidades de interese social, sen ánimo de lucro, inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, dependentes da Consellería de Traballo e Benestar.
Estas axudas están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e polo Plan Avanza.
A resolución destas axudas considera obxecto de subvención a produción e publicación de contidos xa existentes noutros formatos dixitais ou sen dixitalizar anteriormente, así como a produción e publicación de novos contidos e a creación de ferramentas e servizos que permitan a accesibilidade aos contidos dixitais.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde mañá e poden realizarse no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia ou en formato papel, preferentemente no Rexistro Único da Xunta en San Caetano.
Segundo recolle a convocatoria, “os proxectos que se presenten para acceder a subvención teñen que buscar acadar un impacto significativo que responda ás necesidades reais dun determinado sector de usuarios ou actividade”.

PUBLICIDADE