Modernización comprométese a impulsar as TIC nos sectores produtivos

martes, 6 de outubro do 2009 Marcus Fernández

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, mantivo, hoxe, unha primeira reunión de traballo coa Asociación multisectorial de novas tecnoloxías da información e a comunicación de Galicia (INEO), na que transmitiu o máximo apoio da Xunta para o impulso das novas tecnoloxías nos sectores produtivos.
Para a secretaria xeral de Modernización, esta xuntanza supón un paso máis para elaborar as liñas concretas de actuación futuras en materia de novas tecnoloxías en sectores produtivos como o mar, o sector da automoción ou o sociosanitario. Neste senso, Mar Pereira, avanzou que INEO está a facer unha análise dos sectores nos que a incorporación de novas tecnoloxías podan supoñer unha mellora considerable da competitividade nas empresas.
Con este primeiro encontro danse os pasos para o establecemento de relacións de colaboración entre a Administración e o sector TIC, tendo en conta que trátase dun sector estratéxico para a dinamización do conxunto do sector empresarial galego. Dada a transversalidade das TIC, os proxectos de colaboración que poidan emprenderse entre este sector e o resto suporá non só un pulo na modernización das empresas senón tamén o acceso a novas oportunidades de negocio para as empresas de INEO (88 a día de hoxe, que xeran un volume de negocio de máis de 270 millóns de euros e dan emprego a máis de 3.300 traballadores, converténdose nun referente de peso das TIC en Galicia).

PUBLICIDADE