Modernización aposta pola integración plena das TIC nos centros de ensino

xoves, 8 de outubro do 2009 Raquel Noya

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Mar Pereira, no marco das II Xornadas Tecnolóxicas de Educación: Xornada sobre a excelencia TIC que tiveron lugar en Santiago de Compostela, salientou que “a integración das novas tecnoloxías nos centros educativos non debe limitarse á dotación de infraestruturas”, e defendeu que se estenda ao resto da comunidade educativa, tanto aos docentes como ás familias.
Pereira cualificou de “imprescindible” a definición dunha estratexia efectiva de integración pedagóxica das tecnoloxías nos procesos de formación e aprendizaxe, e enumerou as principais premisas que esta planificación debe respectar. Neste sentido, a secretaria xeral subliñou que é necesario substituír o concepto de centro educativo polo de centro educativo dixital, “como aquel que posúe os recursos humanos e pedagóxicos, o nivel de conectividade, e as infraestruturas de soporte suficientes como para permitir o uso dos dispositivos informáticos na actividade docente e de aprendizaxe”.
Asemade, a secretaria de Modernización destacou que os profesores deben posuír a capacitación pedagóxica suficiente para a integración curricular das ferramentas tecnolóxicas e contar con material de apoio para o seu uso, e sinalou que os libros de texto non teñen por qué ser substituídos senón complementados por novos soportes. “Débese explorar e explotar todas as posibilidades que a aplicación da tecnoloxía ofrece na mellora do proceso cognitivo e de retención, así como na contribución á incentivación do alumnado”, engadiu Mar Pereira.
No trascurso da súa intervención, a secretaria tamén salientou que este debe ser “un proceso sostible”, que continúe no tempo e que complete a formación dixital obrigatoria dos nosos alumnos e alumnas; uns alumnos, engadiu, “que conforman a sociedade do futuro na que serán os demandantes e consumidores de servizos dixitais”.
Mar Pereira quixo aproveitar a ocasión para situar o sector educativo como un dos tres ámbitos de gran impacto social (xunto coa xustiza e a sanidade) que deben ser os motores da integración das TIC na sociedade; e rematou a súa intervención remarcando o impultos decidido á modernización e á innovación tecnolóxica como “un dos eixes prioritarios de actuación do Goberno galego”.

PUBLICIDADE