Modernización achegará 30.000 euros a AGASOL para o fomento do software libre na PEME galega

martes, 17 de agosto do 2010 Redacción

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica achegará a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL) 30.000 euros para a realización de actuacións orientadas a promover un maior uso do software libre e de fontes abertas (FLOSS) entre as PEME, micro PEME e autónomos galegos.
Grazas ao convenio de colaboración subscrito entre ambas as dúas partes, AGASOL desenvolverá tres liñas de actuación para a promoción do software libre na contorna empresarial galega creando un catálogo de servizos integrais paras as PEME, organizando xornadas de promoción do FLOSS e a traducindo ao galego a ferramenta de comercio electrónico Magento.
AGASOL creará un Catálogo de Servizos Integrais para as PEME co obxectivo de que as pequenas e medianas empresas galegas poidan coñecer, dun xeito moi gráfico e visual as diferentes ferramentas TIC baseadas en software libre que existen hoxe en día e que poden facilitar os seus procedementos de xestión, funcionamento e difusión da súa actividade.
O acordo contempla tamén a organización dunhas Xornadas de Promoción de Software Libre para PEME, nas que se informará sobre aqueles produtos e casos de éxito de utilización do FLOSS en pequenas e medianas empresas que contribuíron á mellora da produtividade a través da utilización desta tecnoloxía.
Outra liña de actuación é a tradución ao galego da solución de comercio electrónico Magento, unha ferramenta FLOSS que proporciona un aspecto gráfico actual e vistoso ademais dunha xestión e mantemento doados para aquelas empresas que desexen levar á Internet o seu catálogo comercial.

PUBLICIDADE