Modernización achega 55.000 euros para promover a creación do dominio .gal

luns, 11 de outubro do 2010 Raquel Noya

Representantes da Asociación Puntogal reunidos co actual presidente da Xunta hai uns meses

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, na súa teima por contribuir a que o noso país dea un paso grande e definitivo na implantación das TIC en tódolos eidos da vida cotiá da cidadanía (algo que tamén pasa por contar cun dominio propio en Internet), vén de asinar un convenio de colaboración coa Asociación PuntoGal, para impulsar o dominio .gal na Rede.
Neste convenio, entre outras cousas, estipúlase que o departamento autonómico achegará 55.000 euros a PuntoGal para a realización de actuacións orientadas a conseguir o devandito dominio, e axudar a realizar todos os trámite precisos para acadar este obxectivo perante o organismo competente, a Internet Corporation for Assigned Names and Numbers (ICANN).
O obxectivo de PuntoGal é establecer un dominio en Internet para a comunidade cultural e lingüística galega, o .gal, baixo o que poderán rexistrarse aquelas entidades, empresas ou persoas que se expresen en lingua galega e contribúan ao fomento da nosa cultura.

Actuacións

A achega da Secretaría Xeral de Modernización destinarase a varias actuacións primeiro lugar, á garantir a presenza de PuntoGal nos eventos máis relevantes do ICANN en Bruxelas e Cartagena de Indias, incluíndo o material informativo e promocional preciso para a participación de PuntoGal nestes eventos. Tamén se contempla a produción dun vídeo informativo do proxecto PuntoGal en varias linguas tanto para o ICANN como para os organismos relacionados coa regulación da rede e a sociedade galega en xeral e que se difundirá a través da web da asociación.
Para promover a candidatura do dominio a Asociación contratará un servizo de apoio de carácter administrativo para que execute os traballos necesarios para o bo funcionamento e atención das necesidades requiridas pola candidatura do .gal. Tamén se contratará un servizo de asesoramento técnico especializado para a presentación definitiva da candidatura ante a ICANN.
Por outra banda, a Asociación PuntoGal estará presente en distintas feiras e encontros que se realizarán en Galicia e noutros lugares de influenza do colectivo de emigrantes galegos para promovera a candidatura do .gal.

PUBLICIDADE