Misión Tecnolóxica a Marrocos da CEP

xoves, 5 de novembro do 2009 Raquel Noya

A Confederación de Empresarios de Pontevedra, entidade asociada a Ineo que traballa en prol da defensa, representación e participación dos intereses dos empresarios e empresarias da provincia, vén de anunciar a organización dunha Misión Tecnolóxica a Marrocos, na que as entidades participantes visitarán as principais institucións das cidades deste país así como diversos centros tecnolóxicos relacionados cos sectores téxtil, da automoción, do metal e das tecnoloxías da información.
O obxectivo desta pioneira iniciativa, que terá lugar do 9 ao 12 de novembro, é entrar en contacto directo coas institucións e centros texnolóxicos do país veciño, co fin de promover a transferencia de tecnoloxía e a cooperación empresarial.
Os destinatarios desta “misión” son os centros tecnolóxicos e as empresas con departamentos de I+D+i relacionadas cos devanditos sectores, que contarán co apoio da CEOE, das Oficiñas Comerciais da Embaixada de España en Casabranca e Rabat, así como da Cámara Española de Industria, Comercio e Navegación de Tánxer.
As prazas para esta expedición, cuxo prezo son 550 euros por persoa, están limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición.

PUBLICIDADE