Minube.com e Turismo Rías Baixas lanzan concurso para promover os atractivos do noso litoral sur

luns, 4 de setembro do 2017 Redacción

Hai moitos xeitos de facer turismo, para os que viaxan e para os que non, pero case todos eles apoian unha parte importante da súa metodoloxía nos recursos dixitais. De feito, aínda que non todos os internautas sexan viaxeiros, si que é certo que boa parte dos viaxeiros son xa internautas. Tendo en conta isto, Minube.com e a Deputación de Pontevedra, a través de Turismo Rías Baixas, veñen de pór en marcha un certame para promover os atractivos do litoral da provincia e, sobre todo, facer que o mundo enteiro saiba que da costa pontevedresa sábese moito, pero que case é máis importante aínda o que non se sabe. O que está por desvelar. Disto trata precisamente Descubridores Rías Baixas.
No novo concurso, que se desenvolve a través da web e da aplicación de Minube.com, os participantes poñerán gañar viaxes á costa sur de Galicia. Nel poderá participar calquera persoa pendurando unha foto das Rías Baixas antes do 26 de setembro. Unha vez finalizado o prazo de presentación das imaxes participantes, un xurado composto por membros da páxina web e da institución provincial elixirán as dúas persoas gañadoras, que realizarán viaxes ás Rías Baixas durante tres meses para contar a súa experiencia e así promover os lugares descoñecidos da provincia pontevedresa.
O nome das persoas gañadoras darase a coñecer durante a primeira semana de outubro e a partir dese momento, até finais de ano, terán tres meses para visitar as Rías Baixas. Segundo informa a Deputación, aínda que as escapadas serán organizadas libremente polos descubridores, a propia entidade provincial e Minube.com intervirán como asesores para propoñerlles visitas a lugares de “especial beleza” dentro das Rías Baixas.
Durante estas viaxes, os gañadores subirán a Minube.com posts, imaxes e vídeos para dar a coñecer os atractivos do litoral pontevedrés que decidiron visitar durante as súas escapadas. Ademais de na propia web, levaranse a cabo accións de promoción a través das súas contas nas redes sociais, que contan con máis de 280.000 seareiros.

PUBLICIDADE