Minsait e Vector ITC debullan as cousas que pode facer a robótica pola nosa empresa

martes, 7 de maio do 2019 Redacción

O Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) organizou hoxe na Coruña unha nova actividade de divulgación-formación tecnolóxica para os nosos profesionais, autónomos e empresas. Desta volta, a sesión xirou arredor das metodoloxías máis indicadas para incrementar a rendibilidade empresarial mediante a Intelixencia Artificial e a robótica colaborativa. A cita contou coa presenza de Vanesa Graíño Pazos, consultora científica na empresa Minsait (Indra), especializada en algoritmos de optimización comercial.
Graíño, no seu relatorio, explicou as vantaxes de empregar tecnoloxías intelixentes e de Machine Learning (aprendizaxe máquina) para tomar as mellores decisións no día a das empresas e os mercados nos que realizan a súa actividade. A relatora, que ten ampla experiencia en investigación de algoritmos de patróns temporais, expuxo casos concretos nos que as compañías obtiveron claras melloras mediante métodos informatizados de preparación de pedidos, control de existencias, aprovisionamentos ou validación de votos no comercio electrónico.
Na xornada de hoxe tamén interveu David Sánchez Canzobre, consultor júnior encargado de desenvolvemento de software de xestión de almacéns informatizados en Vector ITC, quen explicou as dinámicas de funcionamento de contornas de traballo nas que se atopan robots e como estes “están programados para traballar de xeito conxunto cos traballadores”. O relator, que traballa no desenvolvemento de software para a xestión de almacéns automatizados, fixo un percorrido polas vantaxes das tecnoloxías smart nunha empresa, que axilizan procesos e acurtan os tempos das tarefas produtivas e non produtivas nunha manchea de ámbitos, incluídos a hostalaría e o comercio, por citar dous grandes eidos produtivos da nosa terra. Tamén salientou outra das grandes vantaxes das tecnoloxías IA nunha empresa: o aumento da rendibilidade e a comodidade no traballo.
124 accións nos vindeiros meses
A actividade deste 26 de abril en Santiago enmárcanse nun intenso calendario de 124 accións coas que o ICOIIG chegará ás sete principais cidades galegas até o próximo mes de setembro. Todas elas son de acceso libre e de balde para todas as empresas interesadas.
Esta campaña divulgativa afondará en aspectos como a forma de sacarlle proveito á realidade aumentada, as oportunidades da impresión 3D, as solucións que permite a análise da información a gran escala (Big Data) o desenvolvemento da mercadotecnia dixital, a Intelixencia Artificial, a robótica, a dixitalización dos almacéns coa loxística 4.0, a aplicación da tecnoloxía blockchain aos negocios, as contribucións do uso de drons nas empresas ou a utilidade da ciberseguridade ante os riscos dixitais.
As Oficinas de Transformación Dixital postas en marcha en toda España polo Ministerio de Economía e Empresa, a través da entidade pública Red.es, contan cun orzamento global de cinco millóns de euros. As actuacións a realizar serán financiadas con cargo ao Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE), Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) do período de programación 2014-2020 e baixo a lema Unha maneira de facer Europa que ten entre os seus obxectivos mellorar o uso, a calidade e o acceso ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).

PUBLICIDADE