Miñones fai un chamamento para situar as Rozas (Lugo) na vangarda do sector aeronáutico de Europa

luns, 7 de febreiro do 2022 S. P.

José Miñones deu a coñecer os plans do Goberno central respecto da puxante industria aeronáutica da nosa terra, en parte centralizada na actividade do Polo das Rozas (Lugo). O delegado do Goberno en Galicia anunciou nunha visita a estas instalacións que o Executivo prepara un PERTE do sector aeronáutico con 400 millóns de euros de investimento público no que “Galicia debe ser protagonista”. Tamén dixo que o Goberno achegou 16,6 millóns de euros ao sector aeroespacial de Galicia nos últimos meses.
Estes e outros datos foron achegados durante unha visita ao Centro de Investigación Aeroportada das Rozas, na que Miñones estivo acompañado pola subdelegada do Goberno na provincia de Lugo, Isabel Rodríguez; polo presidente da Comisión de Defensa do Senado, o senador César Mogo, e a directora do CIAR, Neves Seoane.
Respecto do PERTE Aeroespacial de 400 millóns, Miñones dixo que o obxectivo da Administración central é conseguir que “o CIAR das Rozas e Lugo sexan protagonistas” deste investimento público para impulsar o sector, ao que se dedicará en exclusiva un programa estratéxico dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. O delegado anunciou que haberá moitas novas liñas do Plan, amais do PERTE Aeroespacial, polo que “estamos ante unha oportunidade histórica para que Rozas e Lugo despeguen como referencia europea á vangarda do sector aeronáutico”.
Pola súa banda, o presidente da Comisión de Defensa do Senado destacou que o CIAR “é unha aposta moi interesante polas posibilidades que presenta para Lugo, pero o mellor está por vir”, asegurou.
Miñones cualificou ao CIAR como “centro tecnolóxico pioneiro símbolo da nova Galicia, da transformación do modelo industrial e económico que impulsamos desde o Goberno”. Con este obxectivo, informou o delegado, o Executivo achegou 16,6 millóns de euros ao sector aeroespacial de Galicia só nos últimos meses
O delegado asegurou que o CIAR de Rozas é un exemplo de dous “tipos de colaboración imprescindíbeis para avanzar, esenciais para que o Plan de Recuperación do Goberno teña éxito: a colaboración leal entre administracións e a colaboración público-privada con empresas innovadoras que sexan tractoras do novo modelo económico”.
Miñones informou de que o Ministerio de Ciencia adxudicou recentemente nun total de 12,7 millóns de euros un contrato para a procura de solucións innovadoras no ámbito da investigación e desenvolvemento experimental, o proxecto U-Space, no que a Unión Europea traballa para “ter un sistema de xestión de tráfico aéreo non tripulado propio e facilitar no futuro a convivencia entre os avións e os drons”.

PUBLICIDADE