Miguel Corgos enxalza en Ciber.gal o potencial da cibertecnoloxía para o espallamento das TIC a gran escala
mércores, 10 de novembro do 2021
O
conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos,
participou este 10 de novembro na inauguración do Encontro
Galego de Ciberseguridade Ciber.gal que, organizado polo nodo
galego de ciberseguridade Ciber.gal, reúne en Santiago durante dous
días a entidades de referencia no eido da Seguridade da Información,
as principais empresas galegas dos servizos de protección en liña e
os axentes clave dos sectores tecnolóxico, da investigación e do
coñecemento. Na súa intervención, Corgos dixo que “a
cibertecnoloxía permitirá avanzar no despregue das tecnoloxías
dixitais a gran escala”. Farao, engadiu, achegando un alicerce
firme e fiábel para a revolución tecnolóxica que comezamos xa hai
un tempo a experimentar.
Tamén
destacou as posibilidades da Estratexia Dixital 2030 para “consolidar
a transición dixital na comunidade galega”. Isto será posíbel,
dixo, creando “un marco dixital común que facilite a actuación
das administracións local, autonómica e estatal nun mesmo
territorio de xeito complementario, a través do aproveitamento das
sinerxías e a suma de esforzos”. Neste senso, Corgos lembrou que a
Xunta vai destinar en 2022 máis de 209 millóns de euros á
transformación dixital, “o que supón un incremento dun 80% con
respecto aos anos previos á pandemia”.
Ademais,
o conselleiro lembrou que o pasado xoves o Consello da Xunta aprobou
a construción dun Data Center de alta seguridade, “adaptado
ás necesidades dunha administración intelixente”, que permitirá
duplicar as capacidades de procesamento e almacenamento de datos
actuais, e “que traballará en sincronía co Centro de Procesamento
de Datos albergado no Gaiás para reforzar os mecanismos de
seguridade, dispoñibilidade e dos datos de todo o sector público
autonómico”.
No
acto de inauguración, ademais do conselleiro, participaron o
presidente da FEGAMP, Alberto Varela, e o director de Relacións
Institucionais e Estratexia de INCIBE, Miguel Ángel Cañada Navarro,
que estiveron acompañados pola directora da Axencia para a
Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira.
Encontro
Ciber.gal
O
encontro galego Ciber.gal, que se celebra estes días no Edificio
Fontán da Cidade da Cultura, está estruturado en tres bloques. O
primeiro deles engloba actividades destinadas ao tecido empresarial
con paneis e charlas sobre axudas para impulsar a ciberseguridade na
empresa, os riscos aos que se enfronta as empresas e as obrigas
legais en materia de ciberseguridade.
Para
o colectivo da cidadanía, que se desenvolverá na tarde do 10 de
novembro, celebrarase a final do concurso Ciberseguridade no
cole!, destinado aos menores organizado por Telefónica; e un
Capture The Flag, organizado pola Cátedra R en
ciberseguridade e Gradiant. Ademais, intervirá Gianluca D´Antonio,
presidente de ISMS Forum.
A
segunda xornada do encontro estará destinada á administración
pública coa participación do Centro Criptolóxico Nacional; a
intervención do divulgador Marc Vidal, e a celebración dun debate
que agrupa aos máximos responsábeis de organismos e entidades
autonómicas con competencias en materia de ciberseguridade: a
Axencia de Ciberseguridade de Cataluña, a Axencia Dixital de
Andalucía, a Generalitat Valencia e máis a axencia AMTEGA.