Miguel Ángel Rodríguez afirma que a Rede será a televisión do futuro

venres, 22 de xuño do 2007 Marcus Fernández

O voceiro do primeiro Goberno de Xosé María Aznar, xornalista, empresario e escritor, Miguel Ángel Rodríguez, foi entrevistado en Periodista Digital para presentar a súa nova iniciativa, nuevatelevision.es, coa que o popular personaxe se suma ás iniciativas empresariais que apostan polo vídeo na Rede.
Rodríguez asegurou que nun momento no que nacen tantas canles de televisión locais e dixitais resulta moi complicado competir coa televisión de Internet, especialmente grazas ó cambio de hábitos dos usuarios, que xa non acoden á radio ou á televisión para achegar novas de máxima actualidade, senón que teñen á Internet como referencia informativa de última hora.

Nuevatelevision.es é a última iniciativa de Miguel Ángel Rodríguez


Fragmento da entrevista

O público, a xuízo de Miguel Ángel Rodríguez, tamén se está a afacer a ver imaxes sen a calidade que esixe a televisión dixital, dándolle máis peso á mera imaxe que á calidade da información (o que tamén está a crear un problema, pois fan moi doada a manipulación).
Finalmente, Rodríguez asegura que nos equivocabamos ó pensar que tódolos medios ían converxer nos televisores domésticos, e que este papel o está a tomar o ordenador afirmando que “Internet pronto será un gran televisor”.

PUBLICIDADE