Microsoft vén este sábado a Santiago para presentar ferramentas de protección da nenez en liña

venres, 6 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

Santiago de Compostela semella ser estes días o centro de discusión sobre a nenez e os posibles perigos cos que esta convive no eido da Sociedade da Información, perigos que, por outra parte, nin son novos (existían dende moito antes da Rede) nin teñen a súa causa no feito de ter unha conexión de Internet. Con todo, si que é certo que na Internet xógase máis co factor anonimato, se cadra porque unha boa parte dos pais e nais aínda non fixeron totalmente na Rede o que xa fixeron fóra dela: protexer aos pequenos. Disto, de protexer ós cativos nas súas sesións coas novas tecnoloxías é do que tratan en liñas xerais as xornadas Infancia e Internet que está a organizar hoxe Benestar e, en boa medida (aínda que non de maneira exclusiva), o Congreso Nacional de Pediatría que se celebra até mañá no Palacio de Congresos.
Este encontro, organizado pola Asociación Española de Pediatría, inclúe sobre todo cursos, obradoiros e seminarios de índole clínica. No eido máis puramente vinculado ás novas tecnoloxías, cómpre salientar no programa do sábado (ás 13.15) a presenza de Microsoft.
A multinacional da informática (entre outras cousas) afondará na súa solución de balde Family Safety, froito dun acordo coa devandita asociación médica co obxectivo de garantir na medida do posible unha navegación segura dos rapaces e das rapazas na Internet.
O proxecto, que en boa medida ten o seu xermolo na constatación de que o 70% dos adolescentes de entre 15 e 17 anos que teñen acceso á Rede incorren de xeito accidental en páxinas de contidos pornográficos, inclúe unha serie de recursos para que os pais poidan especificar con quen falan o seus fillos cando están en liña, os sitios que poden visitar e os resultados de procura que se lles poden presentar. A iniciativa, que está hoxe en día en fase de desenvolvemento, tamén se apoia na seguinte conclusión dun estudo de Pew Research presentado hai uns tres anos: o 81% dos pais e o 79% dos rapaces recoñecen que non están protexidos abondo na Rede e que ven contidos en liña que os primeiros non aprobarían.
Microsoft, que participará no dito congreso en Santiago afondando na vertente práctica desta ferramenta, tamén aproveitará a súa intervención para achegar consellos sobre o uso responsable de Internet a pediatras de todo o país co fin de que poidan advertir aos nenos e aos mozos sobre os posibles perigos da Rede: “Non está de máis lembrar de cando en vez estes perigos, xa que, ao igual que Internet, son cambiantes e cómpre estar alerta sobre todo cos máis pequenos”, sinala a multinacional.

PUBLICIDADE