Microsoft ultima o lanzamento das extensións para o seu navegador web Edge

luns, 14 de marzo do 2016 Marcus Fernández

Coa chegada do navegador web Microsoft Edge en Windows 10 existía a esperanza de que a compañía de Redmond por fin fose quen de preparar un produto capaz de coller o relevo do Internet Explorer, facendo borrón e conta nova, e podendo así competir con rivais que colleron pulo como Google Chrome e Mozilla Firefox, pero o que parecía un navegador moi lixeiro e prometedor non parecía un produto completo, e unha das prestacións máis demandadas polos usuarios, como é o soporte de extensións que permitan ampliar as súas posibilidades, non só non chegou no lanzamento de Windows 10, senón que agora, moitos meses despois, aínda está en probas, pero parece que xa se ve a luz ao final do túnel, xa que nas últimas horas estreouse unha sección na web de Microsoft na que amosan unha vista previa das extensións para Microsoft Edge.
Neste novo espazo podemos ver unha versión preliminar de tres extensións: Microsoft Translator, que facilita a tradución de páxinas web entre máis de 50 linguas; Reddit Enhancement Suite, cunha serie de módulos orientados a mellorar a experiencia de uso de Reddit; e Mouse Gestures, que incorpora xestos ao uso do navegador para axilizar certas tarefas frecuentes. As novas extensións están dispoñibles para a súa descarga, o que permite que manualmente podamos instalalas na versión preliminar de Microsoft Edge, proceso que en poucas semanas estará dispoñible a través da Tenda de Windows 10, facendo así moito máis doado ampliar as posibilidades do navegador web que Microsoft intenta que empreguemos de xeito masivo.
ACTUALIZACIÓN (18-3-2016): as extensións para Microsoft Edge xa poden probarse oficialmente dende a última versión preliminar de Windows 10 (build 14291).

PUBLICIDADE