Microsoft presenta o vindeiro mércores o Internet Explorer 8

venres, 13 de marzo do 2009 Fernando Sarasketa

Logo dos reveses sufridos no seu longo tirapuxa coa Unión Europa por mor da cuestión dos navegadores, Microsoft está mover ficha para que a evolución natural da súa ferramenta web (a principalmente castigada pola decisión da EU) non fique en vía morta. Nesta liña é onde se sitúa a posta en longo da última entrega do Internet Explorer 8, un desenvolvemento que en España entrará de xeito oficial por unha porta ben concreta: a do Hotel Vincci de Madrid, que é o espazo finalmente elixido para a súa presentación en sociedade. O evento, que se vai desenvolver o vindeiro mércores 18 de marzo, contará coa presenza dos socios que contribuíron con Microsoft á consecución das novas ferramentas que pon ao alcance da man do usuario o novo Internet Explorer.
Segundo informa Microsoft, na rolda de prensa participarán entre outros Juan Carlos Fernández, director xeral de Consumo de Microsoft Ibérica, e máis Verónica Olocco, directora da división Windows Client da empresa en España. Xuntos darán a coñecer os principais detalles do navegador que, entre outras melloras, incorpora meirande rapidez e seguridade, amais dunha feitura máis doada de empregar por parte dos usuarios.
Este encontro cos medios está previsto que comece ás 10.00 horas.

PUBLICIDADE